"Con esta ratio, folga no patio": A comunidade educativa de Allariz esixe que a Xunta cumpra coa lei

Outra imaxe da mobilización que tivo lugar este mércores en Allariz © 3 Aula Infantil

Dende finais do pasado mes de xullo a comunidade educativa do colexio Padre Feijóo de Allariz vén mobilizándose para esixir que se cumpra a ratio establecida de mestres e mestras por alumno e alumna no centro, de xeito que os nenos e nenas de 4º de Infantil conten con tres aulas en lugar de dúas, como estableceu a Consellería de Educación. Hai 51 nenos e nenas inscritas e a ratio máxima neste nivel, segundo o fixado pola lei, é de 25 alumnos e alumnas por aula, polo que de haber unicamente dous grupos estaríase incumprindo a normativa. "Con esta ratio, folga no patio" converteuse no berro máis repetido nas concentracións convocadas, xunto con "Non é 1, son 51".

As nais e pais puxéronse en varias ocasións en contacto coa Consellería de Educación, pero a Delegación en Ourense do departamento rexeitou a demanda. As familias lembran ademais que habitualmente as matrículas se incrementan nas primeiras semanas do curso, polo que o desfase entre os máximos fixado pola normativa e o número de alumnos e alumnas por aula aínda se fará maior.

Esixen que se cumpra a ratio establecida de mestres e mestras por alumnado, de xeito que os nenos e nenas de 4º de Infantil conten con tres aulas en lugar de dúas, como estableceu a Consellería de Educación

Os actos de protesta foron moitos e moi variados, dende unha "aula na rúa" atar unha protesta na Festa do Boi. Esta semana a comunidade escolar continuou co carácter lúdico e festivo destas mobilizacións, organizando nos xardíns do Fogar do Maior en Allariz un gran "xogo das cadeiras", entre outros xogos tradicionais, ademais das actuacións altruístas de Leo i Arremecághona e Peter Punk

Os xogos tradicionais foron en todo caso "versionados" para adaptárense á situación que están a sufrir pais, nais e rapazada. Así, o xogo dos sacos titulouse "corre contra os recortes en Educación” e o xogo da corda levou por título "tira forte por un ensino público de calidade”. Finalmente, no xogo das cadeiras escenificouse que os nenos e nena ían quedando sen sitio individual para sentar, polo que varios e varias tiñan que compartir cadeira. “Loita polo teu sitio, polo teu cole”, dicía outra das mensaxes que se puideron ver no acto. O Concello de Allariz apoiou a iniciativa cedendo o espazo público e os equipos de son para os artistas.

Se non reciben unha resposta positiva, convocarán unha manifestación en Ourense

Pais, nais, mestres e mestras solicitara da delegación de Educación de Ourense unha xuntanza para a primeira semana de setembro para tratar a situación creada. Finalmente, a Consellería aceptou citalos o vindeiro martes 4 de setembro. A comunidade educativa advirte de que se nesta xuntanza non reciben unha resposta afirmativa ás súas demandas convocarán unha manifestación ás portas da Xefatura Territorial da Consellería de Educación en Ourense. A convocatoria pide a colaboración cidadá para suplir a aqueles afectados e afectadas que por cuestións laborais non podan asistir e convida a poboación en xeral a manifestarse en contra dos recortes.

Outra imaxe da mobilización que tivo lugar este mércores en Allariz © 3 Aula Infantil
O 'xogo das cadeiras' que tivo lugar este mércores en Allariz © 3 Aula Infantil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.