Concelleiros do BNG de 20 localidades protestaron en Touro contra o proxecto de megamina

Acto do BNG en Touro contra o proxecto mineiro © BNG

O BNG realizou unha nova mobilización contra a mina de Touro cunha visita-protesta á propia mina que xuntou un gran número de concelleiros e concelleiras dos municipios afectados por este proxecto de megaminería, que afecta aos concellos de Touro e O Pino, pero tamén ten efectos directos nos concellos limítrofes e da comarca de Compostela, nos municipios polos que pasa o río Ulla que soportaría de cheo a afectación por metais pesados, e tamén os das ribeiras da ría de Arousa, cos seus bancos marisqueiros en risco igualmente.

Participaron representantes de Touro, O Pino, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzua, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo e O Grove

Participaron edís dunha vintena de localidades; ademais dos portavoces en Touro e O Pino, asistiron representantes dos concellos de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzúa, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa,  Cambados, Sanxenxo e O Grove. E tamén participou o deputado Xosé Luís Rivas Mini, que instou á Xunta a escoitar o “clamor social” contra este proxecto de megamineria contaminante “colonial e espoliador”, que suporía a desaparición de miles de hectáreas de terras agrarias produtivas. “Estamos falando dun novo Corcoesto, e non se pode permitir”, indicou o deputado, que afirmou que "estamos axudando a pelexar contra o silencio. O silencio é a pouca transcendencia pública que está tendo"

"Paramos Corcoesto e seremos capaces de parar este proxecto en Touro-O Pino que reproduce o mesmo modelo de espolio dos nosos recursos naturais, cunha multinacional mineira que leva a riqueza fora e deixa aquí a contaminación”

O BNG subliña que o proxecto ampliado significaría 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alto tonelaxe, a instalación dunha balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreo e con perigo directo para as vivendas. E todo nunha área con forte actividade agrogandeira que, ademais, está logrando incorporar xente moza. A formación sinala que trinta anos despois do seu peche, aínda son visibles os efectos derivados da explotación da mina orixinal, que agora se quere reabrir e ampliar. A contaminación que soportaría o Ulla fai que o problema medio ambiental, de destrución do tecido económico e de emprego se traslade a outros concellos e afecte á actividade pesqueira e marisqueira nunha parte das rías galegas.

A formación nacionalista está convencida "de que será posible ganar esta batalla como antes se ganaron outras grazas á mobilización social e política". “Paramos Corcoesto e seremos capaces de parar este proxecto en Touro-O Pino que reproduce o mesmo modelo de espolio dos nosos recursos naturais, cunha multinacional mineira que leva a riqueza fora e deixa aquí a contaminación”, concluíu Rivas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.