O 25N é un día de reivindicación. Na tarde deste venres concentracións e manifestacións convocadas por entidades feministas esixirán en toda Galicia a adopción de medidas e compromisos para rematar coas violencias machistas.
Vigo acollerá a mobilización principal, unha manifestación que partirá ás 20 horas da Farola de Urzaiz, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega. Na Coruña, onde está convocada unha concentración no Obelisco ás 20 horas, a Marcha Mundial das Mulleres representará unha performance que pretende "identificar os distintos tipos de violencia que sofrimos as mulleres polo mero feito de selo".
A Plataforma Feminista Galega lembra que máis dun ano despois da multitudinaria manifestación que en Madrid esixiu a adopción de medidas contra as violencias machistas, as situacións denunciadas apenas mudaron, e que nos últimos 12 meses 77 mulleres foron asasinadas en España pola súa condición de muller (máis de 50 segundo as cifras oficiais de violencia de xénero). A Plataforma reitera neste 25N boa parte das reivindicacións daquela marcha. A esixencia central, que podería englobar todas as demais, é que o terrorismo machista sexa unha cuestión de Estado e que toda a sociedade e as súas organizacións e institucións se comprometan na loita feminista.
Horarios
- Ferrol. 19 horas. Concentración da Praza do Inferniño
- Ourense. 19 horas. Acción de rúa no Parque San Lázaro. 20 horas. Concentración diante da Subdelegación do Goberno
- O Carballiño. 19.30 horas. Concentración na Praza Maior
- Lugo. 19.30 horas. Performance na Rúa da Raíña. 20 horas. Concentración na Praza do Concello
- A Coruña. 20 horas. Concentración no Obelisco
- Compostela. 20 horas. Concentración na Praza 8 de Marzo
- Vigo. 20 horas. Manifestación con saída desde a Farola de Urzaiz