Miguel Anxo García Álvarez é facultativo especialista en Psicoloxía Clínica do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Foi presidente do Colexio de Psicólogos de Galicia e publicou varios traballos sobre os impactos e consecuencias psicolóxicas de catástrofes nas poboacións dende o Casón ao Prestige. Riscos psicosociais do accidente do Prestige: un ano despois. A lección do 'Prestige' ou O Cason, vinte anos despois son algúns deles.
Como en todas as situacións que o requiriron até o de agora, a sociedade estivo á altura das circunstancias. A marea de doazóns ou de axuda no rescate fai lembrar catástrofes como a do Prestige onde tamén unha marea branca axudou á recuperación. Está preparada a xente para actuar en casos así?
As respostas que, en xeral, fan as comunidades humanas ante desastres e catástrofes son similares duns lugares a outros. As valoracións que de seguido fan de si mesmas tamén. No primeiro momento prima a autoprotección, e despois o rescate e axuda aos demais xunto co aseguramento dos propios. O acontecido reflexou unha secuencia tan coñecida como estimable. A xente actúa. A preparación en sitios como Galicia é escasa pero non inexistente, se temos en conta que dentro da preparación das comunidades débese considerar a organización existente de autoprotección, asistencia e seguridade, xa sexa de base asociativa, xa institucional.
"A actitude dos gobernantes acostuma a ser pouco autocrítica en xeral"
Cales poden ser os traumas ou as secuelas dos voluntarios?
O trauma principal do voluntario é non poder dar de sí a solidariedade que desexa entregar. Non creo que se vaian presentar "traumas" de xeito significativo, nin debe preocuparnos esa posiblidade. Porén, si interesa que os dispositivos asistenciais sanitarios se poñan en disposición de atención pronta se ex-intervintes solicitaran axuda. A experiencia solidaria, se non vai seguida de manipulación, utilización torcida ou desvalorización social é unha experiencia protectora a nivel psíquico.
Tanto no caso do Casón coma no Prestige a reacción política foi nefasta. No Casón provocaron unha gran alarma social, favorecida por unha información confusa que ocasionou a desconfianza na poboación debido ás mensaxes contraditorias das autoridades, no Prestige ata se chegou a dicir que "en ningún caso era unha marea negra, eran manchas moi localizadas", os xa coñecidos "hilillos de plastilina" a falta de responsabilidades e tardía comparecencia de Fraga ou Aznar. Como dirías que foi neste caso? Como cres que deben reaccionar?
A reacción política tamén segue guións previsibeis. Son escasas as excepcións, case parecen "tics" sociais. A actitude dos gobernantes acostuma a ser escasamente autocrítica en xeral, é protectora da posición e xustificativa das accións. É pouco cooperativa cando non hostil. Neste caso houbo unha milloría respecto a catástrofes anteriores na autocontención, esperando en xeral a que pasara a fase aguda, o loito oficial. Houbo mais prudencia nos gobernantes, mesmo máis intelixencia, se exceptuamos a inquietante presenza do ministro do interior e as torpezas dos responsables de Adif e Renfe. Tamén debemos ter en conta que o tempo da fase activa deste desastre foi curto, as consecuencias rapidamente delimitables, e a resposta necesaria, relativamente sinxela.
Cres que esas visitas políticas ou reais aos afectados son positivas en catástrofes deste tipo?
Son útiles en tanto que expresan a importancia que a comunidade de pertenza lles outorga ás vítimas e aos feitos ocurridos. Tamén son motor da resposta institucional. Pero claro, todo ten o seu momento, xa que deben transmitir solidariedade pero non importunar a resposta. Neste caso en particular, a visita do Rei foi claramente precipitada e encaixada moi forzadamente xa que aínda permanecían sen identificar unha cantidade importante de vítimas e estaban na fase mais aguda da resposta.
"A visita do rei foi claramente precipitada e encaixada moi forzadamente xa que aínda se estaba na fase máis aguda da resposta"
No caso do Casón, titulaches un dos teus artigos Desinformación e incompetencia. Cres que na traxedia de Angrois houbo unha sobreinformación?
Os medios dispuxeron dun acontecemento informativamente espectacular, e digo isto no seu senso literal: atraído polo horrendo e o heroico, protagonizado por xente normal que se ve sometida a un acontecemento que nos podería ter pasado a calquera, con ritmo rápido, xeneroso en imaxes fáciles de filmar, con contido humano sensible, cunha certa intriga explicativa, satisfactorio en tanto que nos devolvía unha imaxe estimable de nós mesmos, humano ata a médula, vamos. Ata o "despiste" como explicación é a mais humana de todas, xa que, quen non tivo un algunha vez? Non creo que houbera sobreinformación, houbo "recreación"como efecto da dinámica propia dos medios de comunicación (e para o caso é indiferente se foi ou non intencional). Consumiuse o drama de outros, invadiuse a súa intimidade
Sendo "un acontecemento informativamente espectacular" tamén será difícil de tratar. Como dirías entón que reaccionaron os medios?
Quen traballa neles é parte da comunidade humana afectada e como tal fixo o esforzo solidario, como noutros sectores. Quen sabe que a emoción non debe ditar a política comunicativa dun medio de comunicación viuse ante unha enorme posibilidade para conseguir obxectivos económicos, políticos, etc.
Como reaccionaron? Fixeron esforzo, algúns demostraron rapidez e capacidade de organización dunha cobertura eficaz para producir e entregar a información que o público ia apreciar. Outros só mostraron as suas limitacións oscilando entre o anecdótico e o obvio. Dende o punto de vista da súa utilidade para afrontar o desastre teño dúbidas de que a inmensa maioría se plantexara esa misión como parte do seu facer, consumiuse o drama de outros, invadiuse a súa intimidade por enésima vez seguindo a peor estela do ocurrido no 11M en Madrid. Estimulouse a bágoa fácil, encheronse as portadas de loubanzas a nós mesmos ata mesmo apelar ao carácter nacional para explicar a reacción solidaria. Creo que non vimos tampouco nada novo no referido á conduta dos medios, excepto que esta vez foron os de aquí quen protagonizaron o acontecemento.
Por último, cal é o mellor consello para saber xestionar e superar unha catástrofe como calquera das que vivimos en Galicia?
O esencial é a prevención, o liderazgo útil para a reducción da ameaza, a confianza na capacidade da comunidade a potenciación do seu protagonismo no afrontamento. Son obviedades "comunitaristas", de pensamento comunitario. Seguro que, a pesar dos feitos, serán infravaloradas por moitos. Ata que chege a seguinte, onde volveremos a descubrir o xa sabido.