Continúan as críticas a Teresa Baró pola súa defensa da submisión

Teresa Baró © RTVE

"Negas a posibilidad de que adquiramos ese estatus por nós mesmas. Negas que unha muller poida manterse, ou que poida simplemente non necesitar apoio económico porque, como é o meu caso e o das mulleres que me rodean, valémonos soas e pagamos luz, auga e mesmo, mira que tolas estamos, os gin tonics". É un fragmento da resposta que Emilia Arias, de Pikara Magazine, publicou este martes en El Diario ás numerosas afirmacións e consellos lanzados pola experta en comunicación Teresa Baró no seu blog, e que foron denunciadas hai dúas semanas pola CIG ao coñecer que Baró fora contratada para impartir un curso de linguaxe non verbal para os e as traballadoras da TVG.

O curso, que se desenvolverá en catro sesións ao longo do mes de abril, comezou este martes

O curso, que se desenvolverá en catro sesións ao longo do mes de abril, comezou este martes, e nel Baró ensinará algúns "fundamentos de comunicación non verbal", linguaxe corporal ou "postura, movementos con pernas e pés, xesticulación, expresión facial". Todo, a pesar das moitas críticas reiteradas polo sindicato, que o pasado luns esixiu de novo que Baró fose substituída, o que foi rexeitado pola Comisión de Formación da CRTVG. Unha petición que tamén levou o BNG ao Parlamento e que de igual xeito se multiplicaron polos medios de comunicación. 

"É perigoso dicir publicamente (tamén en privado) que 'tocar o pelo e manter a boca entreaberta é un convite claramente sexual'"

Emilia Arias responde ás palabras de Baró (“As mulleres sempre nos sentimos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos poidan protexer e asegurar a supervivencia das nosas crías, ademais de proporcionarnos un determinado status social") preguntándose "até cando imos seguir tragando estas construcións culturais como algo natural?" e sinala que "segundo a túa visión, que un exemplar de macho humano veña rescatarme é sumamente erótico e atractivo. Que nos protexan de bestias feroces, iso tamén nos pon moito e que mate dragóns, se pode ser". Rexeita igualmente que esta visión reduza as mulleres á práctica heterosexual e cualifica as afirmacións de Baró de "viaxe de volta a Atapuerca".

Tamén sinala que "é perigoso dicir publicamente (tamén en privado) que 'tocar o pelo e manter a boca entreaberta é un convite claramente sexual'" e conclúe: "Torrente e ti, dous gurús. Imos por aí tocando o noso pelo e logo queixámonos de que nos violan". 

Teresa Baró © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.