Contra o desemprego, dignidade

Carga de dignidade © Susete

A reixa de Navantia, en Ferrol, encheuse de pezas de roupa este domingo nunha acción artística organizada por Radio Buguina. O obxectivo: sinalar a grave crise económica que vive a comarca e, en especial, a do sector naval. Centos de persoas participaron na iniciativa, que a partir dunha icona creda polos traballadores dos estaleiros (os buzos pendurados de reixas e farolas) quixo reivindicar que "agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía". 

Por ese motivos entre as roupas que foron cubrindo a reixa da antiga Bazán había batas de médico mandilóns escolares ou mensaxes que lembraban os conflitos laborais en Gamesa, Diario de Ferrol ou CRTVG e tamén a ameaza mineira pola que, neses momentos, milleiros de persoas se manifestaban en Compostela. Tamén houbo variedade entre os asistentes, de idades, ideolóxica e de procedencia. O acto foi conducido por Xurxo Souto e nel participaron tamén Mercedes Peón, Manolo Bacallau, María Manuela, Antón Cortizas ou Pepe Barro. Barro salientou que “a roupa deshabitada, espetada ou cinxida aos ferros, é a metáfora dos corpos desaloxados, expulsados do espazo de traballo".

Carga de dignidade © Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.