Contra o sexismo nos agasallos de Reis: "A igualdade tamén se fai xogando"

Campaña pola compra de agasallos non sexistas © Deputación de Pontevedra

Vai rematando o Nadal e veñen aí os Reis Magos. Malia as múltiples campañas -de administracións públicas ou non- para poñerlle fin ás diferenzas e os tópicos sexistas, os anuncios e moitas das compras nestas datas manteñen estereotipos que separan nenos e nenas en ámbitos e prácticas sociais distintas. O sexismo na publicidade, pero tamén na elección final dos agasallos, mantense a pesar de todo. Os expertos levan tempo advertindo de que xa non afecta só aos xoguetes tradicionais, senón que tamén aos vídeoxogos, que se adoitan separar para rapazas e rapaces segundo os seus argumentos. Mentres, as bonecas, as cociñas ou os carros de bebé seguen dirixidos ás cativas; e os coches, os xogos de guerra ou os deportes cínguense aos cativos.

O sexismo na publicidade, pero tamén na elección dos agasallos, mantense a pesar das campañas pola igualdade

Ante isto, cada ano son máis as administracións que difunden campañas que animan a cidadanía a mercar xoguetes non sexistas ou a colaborar coas múltiples recollidas para os máis necesitados con agasallos que fuxan destes estereotipos. Cada vez con máis recursos, municipios e outras institucións implícanse con anuncios ou vídeos fomentando a igualdade, tamén nestas datas. Neste ano, destacan algunhas como a da Deputación de Pontevedra ou a dos concellos de Lugo e Santiago, entre outras.

Se non xoga non é un xogo. #RegalaIgualdade. Ese foi o lema escollido pola institución provincial, que por terceira vez desenvolve unha campaña pola igualdade á hora de agasallar e que apostou desta vez por un vídeo difundido por varias canles. "Desde que nacemos, ás mulleres edúcannos en que somos distintas e que facemos outras cousas distintas ás que fan os homes", destaca Carmela Silva, presidenta provincial, que cre "fundamental educar desde o berce as nenas e aos nenos en igualdade. 

"Desde que nacemos, ás mulleres edúcannos en que somos distintas e que facemos cousas distintas ás dos homes", di Carmela Silva

O vídeo mostra alcaldesas, enfermeiros, canteiras, auxiliares de voo, bombeiras, modistos, arquitectas, bailaríns, informáticas, coidadores ou mulleres astronautas, co obxectivo de "amosar que o único que marca a diferenza é algo que non existe en realidade, que é só froito dos prexuízos, e que poden ser o que elas e eles queiran ser, sexan mulleres ou sexan homes". 

No caso de Santiago, o lema escollido polo Concello foi A igualdade tamén se fai xogando e a campaña inclúe un decálogo de recomendacións para as familias. Na presentación dela, Marta Lois destacou que os xoguetes "non son só unha fonte de diversión, senón tamén o principal mecanismo de aprendizaxe e socialización durante a infancia". Por iso, incidiu na importancia de realizar regalos que "fomenten a igualdade durante a infancia e que promovan o uso de xogos e xoguetes que fomenten a igualdade entre nenas e nenos".

'A igualdade tamén se fai xogando' é o lema do Concello de Santiago, que inclúe na campaña un decálogo de recomendacións

Ademais, a administración local repara en que a separación que se fai á hora de regalar "non é aleatoria, senón que responde a unha estrita asignación de roles de xénero". Así, mentres que os xoguetes dos nenos "están orientados a actividades como a condución, a construción, a práctica deportiva e á competición, os xoguetes de nenas relaciónanse principalmente co coidado de bebés, limpeza do fogar, bailar, cantar ou deseñar".

Desde o Concello destacan que a diferenciación dos xogos en función do sexo "ten unha grande influencia na reprodución dos roles tradicionais de xénero", por exemplo, no feito de que as mulleres "se encarguen fundamentalmente dos coidados e do traballo doméstico e que os homes se orienten de maneira case exclusiva ao mercado de traballo". "Por iso é tan importante agasallar sen ter en conta estes roles impostos de xénero para non seguir perpetuando o mantemento das desigualdades entre mulleres e homes", din. 

"É importante agasallar sen ter en conta osroles impostos de xénero para non seguir perpetuando as desigualdades entre mulleres e homes"

De xeito semellante se manifesta o Concello de Lugo. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, recomendou esta mesma semana á veciñanza que "agasalle libros e xoguetes non sexistas". E fíxoo aproveitando a proximidade da chegada dos Reis Magos e ao abeiro da campaña de sensibilización posta en marcha pola Casa da Muller a mediados do pasado mes de decembro e que xa se fixera o ano pasado. A finalidade é concienciar ás familias e promover a iguladade e o non sexismo dende idades temperás.

O Concello de Lugo destaca a importancia da literatura infantil por ter "un potencial educativo que a converte en ferramenta de socialización de primeira orde"

En Nadal, agasalla libros e xoguetes non sexistas, di o lema. Neste caso, o Concello de Lugo destaca a literatura infantil por ter "un potencial educativo que a converte en ferramenta de socialización de primeira orde, na que se van interiorizando os valores e actitudes de cada persoa". De aí que, tal e como destaca Abelleira, "de querer construír unha sociedade máis igualitaria, a lectura infantil e xuventil ten que ser un instrumento que axude a rachar coas ideas estereotipadas que existen na actualidade sobre as mulleres e homes e que amose unha visión do mundo baseada na igualdade, no respecto e na liberdade".

En canto aos xoguetes, a iniciativa inclúe dez claves para "a compra responsable e non sexista": que poidan xogar nenas e nenos indistintamente, que evite a transformación de estereotipos sexistas e non fomente a violencia, que facilite poder xogar cos demais e as relacións entre iguais, que non favoreza a rivalidade, que potencie as relacións cooperativas, que poida xogar calquera nena e non só quen teña habilidades moi específicas, que esperte o desexo de xogar, que desenvolva a imaxinación e a creatividade, que estimule a súa curiosidade e que potencie a capacidade de pensar.

© Concello de Lugo
© Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.