Convocan unha concentración de repulsa fronte á sede de Hidralia Energía, na Coruña

Protesta indíxena contra a central © Coordinadora de Loitas da Comarca da Coruña

A Coordinadora de Loitas da Comarca da Coruña denuncia a actuación da empresa Hidralia Energía na construción dunha central hidroeléctrica en Guatemala, que conta co rexeitamento das comunidades indíxenas e pide a paralización do proxecto. Os seus voceiros afirman que "non podemos consentir a situación creada polas practicas inescrupulosa desta empresa con sede na nosa cidade" e por ese motivo chaman á cidadanía a facer patente o seu rexeitamento.

O pasado 1 de maio foi asasinado en Santa Cruz Barillas, unha pequena e illada vila de Guatemala, Andrés Francisco Miguel, un líder indíxena oposto ao proxecto de construción da central. Non se puido probar este vencello directo entre a súa morte e a súa oposición ao proxecto, pero nos días seguintes o autoritario goberno de Guatemala presidido por Otto Pérez, decretou o estado de sitio na rexión e 600 soldados tomaron a vila. Hai uns días foron detidos como sospeitosos do asasinato dous españois, gardas de seguridade das obras da central eléctrica.

Dende a empresa, aseguran que o proxecto é legal e busca "fornecer de enerxía eléctrica barata a Guatemala", cunha instalación que ademais é "pequena e non xerará prexuízos na zona", pois non inclúe asolagamentos nin desprazamentos de poboación. Din que a oposición á central non é unánime e ademais culpan das críticas á desinformación e a que moita xente cre que o obxectivo das obras é a prospección mineira. Ademais, cren que existen "outras empresas" fomentando as protestas. En canto ao asasinato do líder indíxena, aseguran que os dous supostos responsables non son traballadores da empresa, senón dunha subcontrata.

Dende a empresa asegúrase que a oposición á central non é unánime e ademais culpan das críticas á desinformación e a que moita xente cre que o obxectivo das obras é a prospección mineira

A concentración está convocada para este martes ás oito da tarde, fronte ás oficinas de Hídralia Energía (Avenida do Exército, 10). En función do seu éxito, a Coordinadora e outros colectivos que apoian a protesta organizarán novas mobilizacións, para as que xa están en contacto con entidades de Guatemala.

Protesta indíxena contra a central © Coordinadora de Loitas da Comarca da Coruña
Cartaz da concentración © Coordinadora de Loitas da Comarca da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.