Educación, agricultura, rehabitación de vivendas ou servizo lingüísticos. En Galiza as cooperativas ocupan cada vez máis ámbitos, mais hai un que se resiste: a produción de enerxía eléctrica. Unha situación que contrasta coa doutros estados da Unión Europea como Alemaña ou Dinamarca, países nos que a produción da enerxía está máis democratizada e os consumidores fan escoitar a súa voz na toma de decisións.
En todo o Estado Español só existe unha cooperativa deste tipo, a catalá Som Energia. Desde a súa posta en marcha a finais do ano conseguíu reunir a máis de 3000 socios e xa conta con grupos locais en Aragón, Navarra ou Madrid.
No Estado Español só existe unha cooperativa de enerxías limpas
Non por casaulidade a iniciativa partíu dun holandés, Ginsberg Huijink, quen chegou a Girona como profesor e deicidiu impulsar unha cooperativa de enerxía renovábeis porque, simplemente, non había ningunha. Agora é vicepresidente de Som Energia e secretario da federación europea de cooperativas de enerxía renóvabeis, Rescoop.
Huijink conta por teléfono desde Dinamarca que o proceso non foi fácil. "Moita xente pensaba que non era viábel por motivos culturais", asegura. Amais, até 2010 as cooperativas non puideron comercializar enerxía e tiñan que pagar unha fianza de 600.000 € para comezar a operar. Porén, unha vez que estas entidades si que puideron entrar no mercado e a fianza baixou a 5.000 € o camiño foi menos complicado. Aínda así, precisaron nove meses de traballo para poñer en marcha Som Energía, afirma este holandés catalanfalante.
Até 2010 as cooperativas non puideron comercializar enerxía
Unha das razóns polas que as cooperativas non entraran neste sector é que sempre estivo monopolizado por unha gran empresa pública ou por unhas poucas privadas, asegura o profesor da Univerisdade de Santiago de Compostela Xoán Doldán. Amais, a privatización das empresas estatais favoreceu a concentración do sector en poucas mans, sinala este experto. "A xente nunca se sentiu identificada coa produción eléctrica porque tampouco as institucións abriron esa porta de forma clara", remarca.
Doldán tamén apunta que á hora de potenciar ás renovábeis non se deu entrada a novas empresas senón que as tradicionais pasaran a producir con outras fontes. As normativas vixentes tampouco axudan, pois favorecen grandes instalacións que requiren fortes investimentos que unha pequena cooperativa non podería afrontar. "É un modelo imposto desde Madrid polo goberno e as grandes empresas", asegura Huijunk.
Vender sen distribuír
Hoxe Som Energia medra a un ritmo de varias decena de socios por semana e xa conseguiu reunir máis dun millón de euros para poder crear as súas propias plantas de produción. Para poder mercar electricidade a Som Energia cómpre asociarse á coooperativa, explica Ana Marco, do grupo local de Som Energia de Zaragoza e que participou no recente encontro mundial celebrado en Compostela. O prezo da electricidade non varía respecto das compañías tradicionais, pero Marco sinala que o importante é que ao se asociar xa se ten voz e voto na asemblea da cooperativa e se pode participar na toma de decisión.
Som Energia suma varias decenas de socios cada semana
De momento pode producir e vender enerxía, pero non distribuíla. No Estado Español só cinco grandes empresas poden distribuír electricidade: Gas Natural-Fenosa, Endesa, Iberdrola, Hidrocantábrico e a alemana E.On. Xoán Doldán atribúe esa situación ao desenvolvemento do sistema eléctrico no Estado, moi vencellado a monopolios territoriais nos que a distribución estaba en mans dunha soa empresa que só se modificaron a medida que as empresas se fusionaron entre elas. Así aconteceu en Galiza con Fenosa, que dominaba case todo o territorio, e que logo foi absorbida por Unión Eléctrica Madrileña e logo por Gas Natural. Noutros países o proceso foi diferente ou se rachou desde hai tempo con ese carácter monopólico do mercado enerxético, sinala o profesor.
Só cinco empresas poden distribuír electricidade
Tendo en conta que Som Energía aínda non produce a súa propia electricidade e non participa na distribución poden xurdir dúbidas sobre se a enerxía que vende é realmente renovábel. Marco e Doldán sinalan que é imposible saber a orixe da electridade que o cliente no seu domicilio, porque a enerxía que circula pola rede de transporte é unha mestura da producida por diversas fontes. Porén, no sistema eléctrico contrólase estritamente que porcetanxe da enerxía ciruculante foi producido por cada fonte. "Som Energía garante que a cantidade de enerxía renovábel que se merca foi inxectada á rede nalgún punto da rede", aclara Marco.
A pesar de xurdir como un proxecto local, moita xente fóra de Catalunya interesouse pola iniciativa. Foi o caso da aragonesa Ana Marco. "Cando eu chamei xa se me adiantaran os navarros", conta esta cooperativista, que agarda ver en breves un grupo local de Som Energia en Galiza.