Coworking Days: 'E ti, aínda traballas na casa?'

Instalacións de Magma Espacio en Ourense Dominio Público http://www.magmaespacio.es/

E ti, aínda traballas na casa? Collemos emprestado este slogan do espazo de coworking compostelán Doutroxeito co que promociona o programa de actividades que esta semana está a realizar no marco dos Coworking Days. Centros de cotraballo de toda Galicia buscan dar a coñecer o seu funcionamento a través de xornadas de portas abertas, charlas ou presentacións.

Na iniciativa participan once espazos galegos de coworking: Na Coruña, Wekco e coLABORAtinne coworking; en Arteixo, Articos; en Santiago de Compostela, Doutroxeito Coworking; en Pontevedra, Espacio Arroelo; en Vigo, Sinergia Vigo, VMDIECISIETE – pop up & coworking e La Estación Coworking; en Vilagarcía, Dallequedalle coworking; en Lobeira, Sende; e en Ourense, Magma Espacio.

Como adoitan destacar os impulsores deste tipo de iniciativas, o cotraballo ten numerosas potencialidades, que van máis aló do simple aforro económico e redución de custes –aluguer, luz, telecomunicacións-, con respecto ás oficinas ou locais tradicionais, senón que tamén debe ser valorado o contacto e colaboración con outros profesionais e "o establecemento de rutinas positivas", como destacan dende Doutroxeito. O coworking non é un espazo físico de traballo, ou cando menos non é só iso; é un espazo humano, a posibilidade de crear relacións profesionais entre traballadores da mesma ou de distintas disciplinas.

"Coworking significa compartir, inspirar e colaborar", lembran dende Magma Espacio, en Ourense. Nas paredes de Magma pódense ler algúns dos mandamentos do coworking ou, cando menos, da filosofía que dende este espazo queren inspirar. Está prohibido -din- "renderse antes de comezar", "sabelo todo", "queixarse todos os luns", "saír tarde os venres", "aburrirse (agás se vas mudar algo que non che gusta)", "chorar (menos de risa)", "non preguntar", "non trabucarse", "namorar da rutina" ou "crer que o talento o é todo". 

Cada un destes espazos ofrece tarifas moi diversas, que buscan adaptarse ás necesidades dos distintos traballadores e traballadoras. Dende aqueles que necesitan un espazo permanente de traballo, e que pagan tarifas que se sitúan entre os 170 e 200 euros a aqueles outros e outras que simplemente empregan o servizo a media xornada, pagando pouco máis de cen euros mensuais, e mesmo quen só necesite facer uso do posto de traballo ou das salas de reunión un día á semana ou un número determinado de horas cada mes, con tarifas máis axustadas.

Nas webs de cada un destes espazos poden consultarse as moitas e moi diversas actividades programadas para esta semana. En Magma, por exemplo, comezaron este martes cunha excursión a un centro de Coworking Rural situado no parque nacional do Xurés, e continuarán ata o venres con xornadas de portas abertas ou sesións de asesoramento sobre "oportunidades e imaxe profesional en Linkedin" ou sobre "frustracións e emocións á hora de emprender". Na Coruña, WekCo acolle tres charlas, por exemplo a que ofrecerá Simón Cabarcos (Blindaxe Sport): “Soña, si, pero faino!: Da protección á personalización”. E coLABORAtinne coworking organiza unha conferencia de Santiago J. Méndez (CEOdas plataformas CoruñaEmprende & GaliciaExporta) sobre emprendemento.

En Compostela, Doutroxeito abriu xa as súas portas este luns para todas as persoas que queiran coñecer as súas instalacións, onde tamén se poderá ver unha exposición do coworker e fotógrafo Xaime Cortizo; o venres, un concerto e unha pequena semana porá fin aos coworking daysOs restantes espazos tamén abren as súas portas e ofrecen visitas guiadas ás súas instalacións, e información para todas as persoas que estean interesadas en ocupar algúns dos postos dispoñíbles.

Instalacións de DalleqDalle en Vilagarcía © http://www.dalleqdalle.com/
Instalacións de Doutroxeito, en Compostela © http://www.doutroxeito.com/
Instalacións de Magma Espacio en Ourense Dominio Público http://www.magmaespacio.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.