Critican a "confusión" creada pola Xunta na tramitación dos novos parques eólicos da Costa da Morte

Val de Traba e Soesto © Petón do Lobo

Os dous novos parques eólicos que se prevé poñer en marcha na Costa da Morte (Mouriños, entre Cabana de Bergantiños e Zas; e Pena Forcada-Catasol II, en Laxe) atópanse en fase de tramitación. Uns parques de gran tamaño, que como veñen denunciando entidades sociais e ecoloxistas como Salvemos Cabana ou a Sociedade Galega de Historia Natural e políticas como Equo, afectarían a "unha das últimas serras virxes da Costa da Morte".

"A cidadanía afectada ten que ser moi experta en cuestión administrativas para estar ao día dos diversos anuncios de información pública que se están a producir, como é a simultaneidade da tramitación de 5 expedientes diferentes"

Porén, este proceso estase a levar a cabo dunha forma peculiar, como denuncia a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha de forma simultánea cando menos 5 expedientes, unha situación que segundo a entidade xera "confusión" e provoca unha "total indefensión" á cidadanía nos seus dereitos. "A cidadanía afectada ten que ser moi experta en cuestión administrativas para estar ao día dos diversos anuncios de información pública que se están a producir, como é a simultaneidade da tramitación de cando menos 5 expedientes diferentes", subliñan.

A asociación cre que "toda esta diversidade de expedientes diferentes deriva da ausencia de planificación por parte da Xunta" e que "na Consellería de Industria actúan sobre a marcha, en función dos intereses das empresas promotoras, neste caso Gas Natural Fenosa e a súa filial". "A día de hoxe aínda non se sabe cales das tres opcións que proporcionaba inicialmente Fenosa é a escollida para a evacuación da enerxía do parque Pena Forcada-Catasol II e a que núcleos de poboación e valores naturais afectará; sen embargo, a declaración de impacto ambiental deste parque xa hai semanas que foi aprobada", denuncia.

"Na Consellería de Industria actúan sobre da marcha, en función dos intereses das empresas promotoras, neste caso Gas Natural Fenosa e a súa filial", denuncia Petón do Lobo

A entidade esixe a tramitación conxunta de ambos os dos proxectos (e nun único expediente) "posto que ambos os dous están estreitamente relacionados pola liña de evacuación que os une", para así "avaliar os efectos sinérxicos e conxuntos de ambos". Petón do Lobo demanda que a Consellería de Economía, Emprego e Industria "volva comezar coa tramitación dun único proxecto" optando "por outras localizacións máis adecuadas para estes proxectos e esixindo as medidas tecnolóxicas adecuadas para frear a mortandade da fauna silvestre".

 

Mirador de Sinde, Serra de Gontón © Petón do Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.