Critican a participación de cargos públicos na 'traslación dos restos do apóstolo'

Acto da ofrenda, con Leis como "delegada rexia" © Concello de Santiago

Desta volta foi a tenente de alcalde Reyes Leis (o falecemento da nai de Ángel Currás impediu a presenza do alcalde de Santiago) a encargada, como delegada rexia, de representar o Estado ante o apóstolo e o altísimocontinuando a tradición pola que dende o século XVII a monarquía realiza unha serie de peticións na cerimonia de traslación dos restos do apóstolo. Esta participación de representantes públicos nunha cerimonia relixiosa na Catedral compostelá repítese ano tras ano a pesar do artigo 16.3 da Constitución que estipula que "ningunha confesión terá carácter estatal" e a pesar tamén das críticas.

Europa Laica­‐Galicia manifesta a este respecto o seu "rexeitamento á participación de cargos públicos e autoridades" na cerimonia relixiosa católica. E considera que supón "unha nova vulneración do carácter aconfesional do estado e a constatación de que en España continúa existindo unha confesión oficial". A entidade "recoñece e defende o dereito de calquera persoa a participar nos actos relixiosos que crea pertinentes", mais considera que "os cargos públicos ou autoridades non deberían facelo en tal condición pois reducen a papel mollado a consideración do artigo 16.3 da Constitución de que ningunha confesión terá carácter estatal".

"Este tipo de confusión perversa entre confesión relixiosa e Estado supón unha vulneración dos dereitos da cidadanía, que non elixiu os seus representantes públicos para que participen en actos litúrxicos para rogar pola solución milagrosa dos problemas que afectan á sociedade"

Conclúe que "este tipo de confusión perversa entre confesión relixiosa e Estado supón unha vulneración dos dereitos da cidadanía, que non elixiu os seus representantes públicos para que participen en actos litúrxicos para rogar pola solución milagrosa dos problemas que afectan á sociedade, senón para que sexan estes representantes e autoridades quen no exercicio das súas funcións solventen as cuestións que o goberno da cousa pública esixe".

No acto deste luns Reyes Leis, ante a plana maior da Xunta, someteu á "consideración espiritual" do Apóstolo "coa esperanza de que nos ilumines nas nosas decisións, nos alentes nos nosos empeños ou nos deas alivio nas fatalidades". A seguir, a tenente de alcalde enumerou unha serie de problemas, preocupacións, dende a unidade das caixas á unidade nacional, para que o "señor Santiago" traballase para solucionalos.

Acto da ofrenda, con Leis como "delegada rexia" © Concello de Santiago
Un intre do ritual © Catedral de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.