Críticas ao permiso concedido pola Xunta a Edgewater para buscar ouro en dúas parroquias de Coristanco

Sementeira da pataca en Coristanco © Salvemos Cabana

Este mércores a Xunta aprobou un permiso para que Edgewater amplíe os seus traballos de ouro e outros metais afíns en 600 hectáreas adicionais ao proxecto mineiro de Corcoesto. Estes traballos afectan os concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños e Ponteceso, pero sobre todo ao de Coristanco, moi especialmente as parroquias de Cereo e Valenza.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a solicitude dos veciños das parroquias afectadas polo proxecto mineiro, manterá o vindeiro domingo no local social de Corcoesto ás 11 horas unha reunión na que informará sobre a situación na que se atopa a tramitación do proxecto mineiro, as próximas accións de protesta a desenvolver e tamén ofrecerá información sobre as alegacións que deben presentar os veciños en relación ao novo permiso.

Salvemos Cabana denuncia que a ampliación da explotación mineira "podería ter graves consecuencias sobre a produción da que está considerada como a mellor pataca de Galicia"

Salvemos Cabana denuncia que a ampliación da explotación mineira a estes lugares "podería ter graves consecuencias sobre a produción da que está considerada como a mellor pataca de Galicia". A pataca de Coristanco atópase baixo a Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia e distínguese sobre todo pola calidade de produción. 

"Preocúpanos especialmente a contaminación de aire, augas e chans que pode traer á zona", afirman dende Salvemos Cabana, que sinala que no municipio de Coristanco Edgewater xa prevera a instalación da entulleira e dunha das balsas de residuos. A plataforma considera "urxente" unha cuantificación "de cantos miles de postos de traballo poden perderse de saír adiante os plans da empresa mineira, nunha bisbarra que ten ao sector agrogandeiro e marisqueiro o seu principal motor económico, razóns que o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo parece non considerar suficientes polo seu apoio decidido a empresas transnacionais".

A plataforma cre "urxente" unha cuantificación "de cantos miles de postos de traballo poden perderse de saír adiante os plans da empresa mineira"

O pasado mes de febreiro Salvemos Cabana xa amosara a súa preocupación polos efectos negativos que a mina de Corcoesto podería ter para a produción da pataca pois entre outras cousas "o po provocado polas detonacións pode estender as partículas tóxicas por un radio de 25 kilómetros".

 

Acoso aos veciños propietarios dos montes

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños denuncia que a empresa mineira continúa "coa súa política de acoso aos propietarios dos montes visitándoos un por un nos seus domicilios e ameazándoos coa expropiación a prezos ridículos"

Por outra banda a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños denuncia que a empresa mineira continúa "coa súa política de acoso aos propietarios dos montes visitándoos un por un nos seus domicilios e ameazándoos coa expropiación a prezos ridículos".

Estás "accións de acoso individualizado" estanse a realizar segundo a Plataforma "co consentimento da Xunta de Galicia e dos alcaldes de Cabana e de Coristanco, que en lugar de defender os intereses dos veciños, actúan de cómplices da empresa mineira no roubo e na estafa que se está tratando de perpetrar en Corcoesto". Desde a plataforma recórdanlle aos veciños que "non deben vender as súas propiedades a prezos ridículos, xa que o Xurado de expropiación de Galicia, e mesmo os tribunais, están recoñecendo, no caso das canteiras, o valor extractivo dos terreos rústicos e rústicos de protección forestal, establecendo xustiprezos de ata 12 euros metro cadrado, fronte ao de 1,20 euros/m2 que ofrece a empresa mineira".

Sementeira da pataca en Coristanco © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.