Crowdfunding para deter as touradas

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Libera e Galicia mellor sen touradas lanzan unha iniciativa na rede para financiar unha campaña que informe os turistas internacionais sobre o uso de cartos públicos na Coruña para subvencionar as corridas de touros. O obxectivo é reunir ao redor de 1500 euros para colocar vallas publicitarias en diferentes puntos, imprimir milleiros de folletos e material de campaña, para que así concienciar os visitantes estranxeiros da cidade, que dunha maneira abrumadora rexeitan este espectáculo violento, sobre a actitude das administracións públicas con respecto ás touradas. 

Entre 2008-2011, nun contexto de grave crise económica, pobreza e recortes, o Concello da Coruña subvencionou con máis de medio millón de euros a promoción e organización de corridas de touros, e en 2012, ainda que estas axudas se reduciron esta institución cedeu instalacións e medios públicos por case cen mil euros.

Esta campaña de crowdfunding ofrece distintas recompensas para os participantes. Ás persoas que acheguen 5 dólares enviaralles un e-mail personalizado e actualizacións regulares sobre a campaña. Aos que poñan dez ademais faranlles unha mención en redes sociais. Con vinte euros sumarase ao anterior un diploma virtual. E con 50 os doantes poderán ver o seu nome impreso nunha valla publicitaria de 8x3m na cidade da Coruña.

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.