Cuac pelexará por unha licenza de FM, aínda que a Xunta exclúe as radios comunitarias

Algúns dos responsables e colaboradores de Cuac FM CC-BY-NC Cuac FM

En Galicia, a diferenza do que sucede en Catalunya, Euskadi, Madrid, ou do que é habitual no principais países de Europa, hai moi poucas emisoras comunitarias. Son seis: Radio Piratona, en Vigo (106.0); Rádio Filispim, en Ferrol (93.9); Radio Kalimera, en Compostela (107.9); Radio Roncudo, en Corme (106.1); Radio Clavi, en Lugo (103.0) e Cuac FM, na Coruña (103.4). Están agrupadas na Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, formada en 2006, pero realizan a súa actividade con grandes dificultades, poucos medios e moito voluntarismo e coa presión do Goberno galego, que as exclúe dos concursos de concesión de licenzas, ben expresamente, ben a través da conformación de criterios moi restritivos e claramente beneficiosos para as emisoras comerciais.

Non son ilegais, senón que se atopan nunha situación de alegalidade, recluídas nunha grella radiofónica dominada polas emisoras comerciais que decote invaden as súas frecuencias e que maioritariamente emiten en cadea dende Madrid, reducindo ao mínimo as emisións realizadas en Galicia ou en galego. Nesta lexislatura o Goberno de Alberto Núñez Feijoo convocou un concurso para conceder 84 novas frecuencias radiofónicas (que practicamente esgotan o espectro) declarado deserto en primeira instancia por irregularidades formais e que xa foi denunciado no seu día polo Consello Consultivo por estar limitado ás emisoras comerciais, excluíndo as radios libres.

O concurso foi convocado de novo o pasado 26 de xullo e as solicitudes deben presentarse ao longo do mes de agosto (un novo obstáculo para os aspirantes máis modestos, que non forman parte das grandes cadeas). Cuac FM vén de anunciar a súa intención de presentarse á convocatoria, a pesar de estar excluídas as radios libres, coa intención de "acadar unha licenza para a cidadanía coruñesa" pero co obxectivo, cando menos, de visibilizar a importancia das emisoras comunitarias e a discriminación que sofren por parte da administración autonómica, que até agora preferiu entregarlles o espectro radioeléctrico aos emisores privados.

Os criterios da convocatoria fan case imposible que unha emisora non comercial poida competir das propostas das grandes cadeas

O novo concurso eliminou o termo comercial, como recomendaba o informe xurídico que motivou a declaración como deserto do anterior concurso. Foi substituído polo termo privado, que a priori permite a todas as entidades lucrativas o non lucrativas acudir ao concurso. Porén, nas bases exclúense expresamente "os servizos de comunicación audiovisual radiofónica comunitarios sen ánimo de lucro". Ademais, os criterios da convocatoria fan case imposible que unha emisora non comercial poida competir das propostas das grandes cadeas. Esixe, por exemplo, unha cuatiosa garantía económica só para paraticipar no concurso. Ademais, aínda que a proposta de proposta de programación pode outorgar 40 puntos para o baremo final, a proposta económica pode acadar 30 puntos e a proposta tecnolóxica 20 puntos, dous apartados nos que as emisoras comunitarias non poden competir coas emisoras comerciais.

Cuac FM vén de anunciar a súa intención de presentarse á convocatoria, a pesar de estar excluídas as radios libres, coa intención de "acadar unha licenza para a cidadanía coruñesa"

Cuac FM presentará publicamente a súa candidatura este mércores pola mañá (a emisora colocou na súa web hai uns días unha conta regresiva).

 

As radios libres

Os medios de comunicación comunitarios caracterízanse por non ter ánimo de lucro, por estar xestionados por un colectivo cidadán, pola súa xestión participativa e horizontal e por ter un obxectivo de servizo á cidadanía e da sociedade civil da que parte. A propia Cuac FM define o seu obxectivo como "dar voz a aqueles que non a teñen", e máis aló de que esta premisa poida soar simple ou inxenua, o certo é que as emisoras comunitarias cumpren ese papel tan necesario de acceso democrático, que supón entregarlles aos colectivos e persoas individuais espazos e tempos para que expresen o que queiran expresar. Varias delas rexeitan a denominación de piratas e prefiren chamarse radios libres ou comunitarias, pois consideran que os que verdadeiramente piratean, son as emisoras comercias que ocupan frecuencias ou emiten en cadea máis aló do permitido pola lei.

Esta nova convocatoria da Xunta permite que a meirande parte das horas de emisión se poidan facer en cadea, case sempre con orixe en Madrid

O sistema radiofónico en España e Galicia beneficiou nas últimas décadas as grandes cadeas radiofónicas, que copan case todas as frecuencias de emisión e que deixan un espazo moi escaso para as emisión locais. Esta nova convocatoria da Xunta, por exemplo, esixe que o 50% das emisións se realicen en galego, pero ao mesmo tempo permite que a meirande parte das horas de emisión se poidan facer en cadea, case sempre con orixe en Madrid, polo que ese 50% só se aplica nas emisións realizadas dende Galicia. A convocatoria tampouco valora especificamente a creación de postos de traballo, o que sería unha grande axuda para o sector do xornalismo, que atravesa unha profunda crise. Parece que unha vez máis o espectro radiofónico público vai camiño de ser privatizado.

 

Cuac FM

Cuac FM comezou as súas emisións o 27 de marzo de 1996

Cuac FM comezou as súas emisións o 27 de marzo de 1996. Nos seus 16 anos de vida tivo ao redor de 400 programas e máis dun milleiro de colaboradores habituais. A emisora ten a súa orixe no Club de Prensa da Universidade da Coruña, que en 1995 realizaba en Radio Culleredo un programa chamado A pé de Kampus. Os seus responsables pensaron que a UDC debería ter unha radio que lles dese voz a todos os estudantes e colectivos, así que o 15 de xuño de 1995 crearon o Colectivo de Universitarios Activos. Uns meses máis tarde a radio comezou a emitir dende un despacho da Facultade de Económicas, coa participación de Antonio Erias, Decano da Facultade de Económicas, e Manuel Sarceda, Vicerreitor de Estudantes.

En 2002 tivo que trasladar as súas instalacións e en 2003 renovou as súas emisións, contando coa colaboración de Xurxo Souto e Manuel Rivas. Dende entón mantívo unha actividade intensa, promovendo a constitución da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (2006) e da Red de Medios Comunitarios (2009), que agrupa todas as emisoras españolas, e da que Cuac FM é a sede local e na que Mariano Enrique Fernández Cabarcos se ocupa da Secretaría e da Coordinadora de Lexislación.

O estudio de Cuac FM CC-BY-NC Cuac FM
Un momento da gravación dun programa, con Manuel Rivas e Xurxo Souto CC-BY-NC Cuac FM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.