Cuntis: En defensa dunhas termas para toda a veciñanza

Burga da rúa Real © Concello de Cuntis

A burga Lume de Deus é, xunto con outra situada na rúa Real, a única fonte termal de acceso libre e uso público entre as 19 existentes en Cuntis. En concreto é de uso veciñal entre o 1 de outubro e o 31 de xuño, mentres que no verán a auga, desviada, é de explotación única da empresa privada Termas de Cuntis. A Consellaría de Industria proxecta dende hai meses levar a cabo unhas actuacións de saneamento integral na burga, por iniciativa da empresa. Veciños e entidades sociais e políticas da localidade  consideran estas obras moi "agresivas" e alertan de que poden poñer en risco a integridade da burga, de grande importancia patrimonial, ademais, ao incluír restos romanos, entre eles unha arqueta de 1.700 anos de antigüidade, da que hai pouco exemplos en Galicia.

A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal levas varias semanas manifestando a súa oposición ao proxecto, que tampouco conta co apoio do Concello de Cuntis. O pasado 24 de abril a Plataforma rexistrou un recurso de alzada dirixido á Consellaría de Industria, denunciando que as obras buscan "obter certos dereitos dos que, ata o de agora, a empresa Termas de Cuntis, S.L. para nada gozaba". Os veciños e veciñas acusan a consellaría de levar a cabo unha "iniciativa unilateral" e de non ter en conta "a posibilidade da existencia doutros titulares lexítimos sobre o aproveitamento da auga da fonte, a pesar do seu carácter histórico e público". 

De feito, lembran que nos últimos tempos se veu limitando, sucesivamente, o acceso público ás fontes e termas existentes no Concello. Citan por exemplo as fontes de Castro e A Ferreira, que anteriormente eran de uso público e agora están en mans privadas. Nos últimos anos o caudal da terma Lume de Deus viuse gravemente reducido, até nun 80%, o que xa xerara protestas por parte dos veciños. De se executar o proxecto, din, "atentaríase contra a conservación dos usos e costumes dos veciños e veciñas deste concello", pois a empresa que explota este manancial pasaría a utilizar todos os sobrantes da fonte antes de que estes vertesen polo cano.

Ademais, sinalan que se "limitan, de xeito arbitrario e inxustificable, os dereitos cidadáns" e lembran o prexuízo contra o patrimonio que poden supor as obras. Os veciños esixen que non se realice obra ningunha na burga até que se determine su propiedad, e alertan do perigo de que “se perda un testemuño arqueolóxico, aínda sen catalogar, que realmente representa un símbolo da súa identidade como pobo e que engarza con toda a cultura europea”. Lembran que xa nunhas obras realizadas en 1908 a arqueta romana que recolle a auga foi danada, e temen que estas novas actuacións a destrúan por completo. Mesmo o alcalde, Antonio Pena (PP), denuncian que o sistema que prevé o proxecto da Consellaría de Industria "supón unha alteración no cauce, é una idea contranatura que pretende instalar unhas bombas de presión cuns pulsadores".

Burga da rúa Real © Concello de Cuntis
Burga 'Lume de Deus', na praza de Galicia © Concello de Cuntis
Lavadoiro termal © Concello de Cuntis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.