David Álvarez, o militante "que traballaba moito e non presumía de nada"

David Álvarez, no Acebo © Carmen García-Rodeja

A pasada semana faleceu, aos 94 anos de idade, David Álvarez Carballido, militante comunista e loitador antifranquista. Álvarez, nacido en 1922 en San Martín de Suarna (A Fonsagrada), era desa clase de persoas que non adoitan aparecer nos libros de historia ou nos medios de comunicación. Como hai uns anos escribiu Xosé Neira Vilas nun artigo que lle dedicou, David Álvarez "traballa moito e non presume de nada, non pide nin esixe nada. É o militante escuro, como aquel personaxe teatral de Alfonso Sastre". Álvarez foi soterrado o pasado xoves na mesma aldea na que nacera case un século antes, onde foi despedido polos seus camaradas do PCG, veciños e amigos, cuberto polas bandeiras galega, republicana e comunista e baixo unha intensa chuvia.

A historiadora Carmen García-Rodeja compartiu con el ducias de conversas, co obxectivo de escribir a súa biografía. “El dicía que era un militante máis, pero ao mesmo tempo destacaba pola súa integridade e dignidade como persoa e o seu compromiso coa súa causa. Era o modelo de militante que cre na causa ata o final e a pesar de derrotas ou frustracións, o seu compromiso e a súa dedicación nunca esmoreceron. Era un home admirable, moi humilde na súa vida e e no trato cos demais", destaca, engadindo que "a xente nova que o coñecía quedaba fascinada. Xeraba lei en moitas persoas, e foron moitos os que ingresaron no PC a través del, entre eles o propio Alonso Montero".

Esa aldea de San Martín de Suarna era nos anos 20 e 30 un lugar maioritariamente de esquerdas, moi culto, con varios mestres e un ambiente profundamente republicano. É alí onde David Álvarez creceu ata se converter en reloxeiro. Unha vez que comeza a Guerra Civil esa zona da montaña lucense acolleu moitísimos escapados, tanto galegos coma procedentes de Asturias, unha vez que esta foi conquistada polo exército franquista. En 1948 Álvarez exiliouse na Arxentina, onde entrou en contacto Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Luís Seoane ou Xosé Neira Vilas e comezou tamén a militar no Partido Comunista. 

En 1962 regresou a Galicia, co encargo de colaborar na conformación do Partido Comunista

En 1962 regresou a Galicia, co encargo de colaborar na conformación do Partido Comunista. En 1963 foi detido por repartir unhas octavillas en favor de Julián Grimau. Foi torturado, encarcerado en Vigo e en Carabanchel e xulgado polo TOP. A súa detención iniciou unha campaña de solidariedade en Arxentina, na que participaron moi activamente Ramón de Valenzuela, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela.

Sobre esas torturas relatoulle a Carmen García-Rodeja que "os interrogatorios eran unha cousa salvaxe; o día que cheguei ó cárcere non había unha parte do corpo que non levase chea de hematomas". Mais tamén salientaba que, a pesar das malleiras, aproveitaba para falarlles aos policías da "reconciliación" proposta polo PC e comentaba que "eu, dentro do que podía, faleilles bastante de política; expliqueilles que era comunista, claro, non ía negar de que era comunista, que ía organizar o partido comunista e que non o chegara a organizar porque non tivera tempo". Posto en liberdade e despois de instalarse na Coruña, Álvarez continuou coa súa actividade política, sendo de novo detido en 1975 por pegar uns carteis.

Foi clave, ademais, na exhumación dos cadáveres na foxa do Acebo en 2007, pois foi quen alertou á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de que o lugar onde foran deixados os cadáveres do Comandante Moreno e dos milicianos anarquistas do Batallón Galicia ía ser cuberto por unha nova estrada. "Foi quen iniciou o traballo para facer posible a recuperación dos seus corpos e das súas identidades. É así como David Álvarez estará sempre nos corazóns dos que tanto teñen buscado os seus familiares". salienta Carmen García-Rodeja.

 

O colectivo, primeiro

Foi quen alertou á ARMH de que o lugar onde foran deixados os cadáveres do Comandante Moreno e dos milicianos anarquistas do Batallón Galicia ía ser cuberto por unha nova estrada

"Para David, o colectivo estaba sempre por riba de todo, nunca falaba da súa actividade persoal. Cando o entrevistaba, sempre quería falar dos seus camaradas, da xente que mataran, da xente que quedara no esquecemento, de persoas que dende a súa aldea San Martín irradiaran cultura a toda a comarca, en ocasións ensinando a ler á luz dun candil”, explica a historiadora.

"O seu saber, a súa memoria e a súa humildade facían do idealismo algo vivo, pois a súa propia vida convertíase nunha loita por un mundo mellor e máis xusto",

"A figura de David era unha bandeira contra o rencor, pero tamén contra o esquecemento. O seu saber, a súa memoria e a súa humildade facían do idealismo algo vivo, pois a súa propia vida convertíase nunha loita por un mundo mellor e máis xusto", salienta Carmen García-Rodeja, que o compara cos seus coetáneos Marcos Ana (finado hai uns meses) ou Camilo de Dios, "persoas que espertan unha simpatía e un respecto automáticos, pois nelas ves unha forza interior moi grande, ves a xente que sufriu moito pero que non se compadece de si mesma". "Ata o último momento estivo moi activo, debatendo con amigos e camaradas sobre política internacional, escribindo cartas, lendo e subliñando o xornal", comenta. "É desa caste de xente na que debemos inspirarnos, desa que non vai saír nos medios porque esta humanidade, esta implicación e esta solidariedade, se cadra non son deste mundo", conclúe.

 

David Álvarez © Carmen García-Rodeja
David Álvarez, no Acebo © Carmen García-Rodeja
Xubilación de David Álvarez, en 1987, acompañado de Anxo Guerreiro © Carmen García-Rodeja
Álvarez, no enterro dos membros do Batallón Galicia, na Fonsagrada © Carmen García-Rodeja

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.