De Nador a Tánxer: redescubrindo para que serve o xornalismo

As catro galegas participantes no proxecto, á súa chegada a Marrocos © Agareso

Entre Nador e Tánxer hai ao redor de 500 quilómetros, ducias de vilas e proxectos de cooperación en marcha, as máis das veces pouco ou nada coñecidos en Galicia e practicamente invisibles para os medios de comunicación. Nos últimos días catro estudantes do III Seminario Xornalismo social e cooperación internacional impartido na USC atópanse en Marrocos para coñecer de primeira man a actividade e a loita das organizacións locais a prol do desenvolvemento. A iniciativa da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) pódese seguir nun blog actualizado a diario.

Noelia Antelo (Carballo), Diana Mandiá (Santiago de Compostela), Aida Mosquera (A Coruña) e Ángela Muñiz (Portas) foron as catro xornalistas escollidas para realizar esta viaxe, que se iniciou o pasado 20 de agosto, e que "busca sensibilizar as e os novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto", segundo Agareso. Na última semana, da man de entidades locais coma Homme et Environnement, Azir e Asticude, as catro xornalistas reuníronse con cooperativas de agricultores, visitaron centros de mulleres onde se traballa pola igualdade, coñeceron iniciativas a prol da pesca sostible ou accións para evitar a emigración ilegal de menores non acompañados. 

Esta semana as catro mozas atópanse xa en Tánxer coñecendo de preto a actividade da ONG Ahlam nas áreas educativa e sanitaria e teñen previsto asemade entrevistarse coa destacada feminista Nadia Naïr. Tamén se achegarán ao traballo en materia de xénero das asociacións 100% Mamans e Atawassoul, así como á defensa dos dereitos humanos da Rede Chábaka.

 

O blog, moitas historias de contar

A actividade deste proxecto e as visitas e encontros que están mantendo pódense seguir a diario no blog De Nador a Tánger. Alí podemos ler a entrevista a un dos responsables da Association Ahlam pour le Developpement, con proxectos relacionados coa educación, a saúde, a economía social, os dereitos humanos, a emigración e o desenvolvemento "para contribuír á promoción das liberdades, a democracia real e a participación cidadá en Marrocos". Ou o retrato de Beni Enzar, na provincia setentrional de Nador, unha vila moi próxima á tristemente famosa valla fronteiriza de Melilla, "un valo de once quilómetros de inxustizas, ilegalidade, golpes e desesperación que apaga na maior parte dos casos a esperanza de lograr unha vida digna".

Tamén podemos ler unha entrevista a Jamila, presidenta da Asociación Wafae, á que cada día acoden 60 mulleres para formarse e realizar diferentes actividades que dan como resultado produtos que despois comercializan a pequena escala. Jamila destaca que "a vida do centro é a única oportunidade para desconectar da vida familiar" e supón unha “excusa para deixar a casa”. Ou podemos coñecer o proxecto da cooperativa Elwifak, grazas á que un grupo de labregos desta zona do norte de Marrocos poden comercializar directamente aceite de oliva, mel e produtos agrícolas.

As catro galegas participantes no proxecto, á súa chegada a Marrocos © Agareso
As catro xornalistas están a visitar varios proxectos de cooperación en marcha © Agareso
Jamila, presidenta da Asociación Wafae © Agareso

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.