"Debe flexibilizarse o peche das fronteiras, estamos vivindo unha situación de emerxencia"

Un grupo de persoas refuxiadas na fronteira entre Serbia e Croacia CC-BY Trocaire

Ás portas de Europa e mesmo no interior das fronteiras da Unión está a producirse un drama humanitario de dimensións históricas. Centos de milleiros de persoas foxen da guerra (en Siria e noutros lugares) e da fame e arriscan as súas vidas para buscar asilo nos países da UE, que se negan a ofrecer unha solución. Este sábado 27 de febreiro centos de cidades de todo o continente acollerán manifestacións de apoio ás persoas refuxiadas e en demanda de saídas para a dura situación que viven. A Marcha Europea polos dereitos das persoas refuxiadas esixiralle aos distintos gobernos -así coma ás institucións da UE- "vías de acceso seguras ao continente para as miles de persoas que cada día vense obrigadas a cruzar o Mar Mediterráneo e outras fronteiras xogándose a vida" e denunciará que, mentres, "os líderes europeos non fan nada máis que interpoñerlles obstáculos".

Unha desas manifestacións celebrarase na Coruña e partirá da praia de Riazor ás 19.30 horas. A marcha conta coa adhesión de colectivos coma o Foro Galego da Inmigración, Médicos do Mundo, SOS Racismo, Ecos do Sur; e de partidos coma Esquerda Unida, a agrupación local do PSOE na Coruña, BNG, AGE ou Equo. Haberá tamén mobilizacións en Vigo (12 horas) e Pontevedra (Praza da Peregrina, 12 horas) e noutras 40 cidades de toda España.

"Parece que hai unha gran sensibilidade con este tema e agardamos unha resposta da cidadanía acorde con esta sensibilidade", destaca Rubén Sánchez, do Foro Galego da Inmigración, que destaca que "a nivel institucional vemos dúas respostas que van en direccións opostas: por unha banda, a do Concello da Coruña, que está apoiando unha solución para os problemas que sofren as persoas refuxiadas, e pola outra o resto das institucións, que están facendo o traballo contrario, poñendo aínda máis obstáculos á situación xa existente".

"O peche das fronteiras é o que está provocando de milleiros de persoas arrisquen as súas vidas e é o que está favorecendo tamén a actividade das mafias"

"O peche das fronteiras é o que está provocando de milleiros de persoas arrisquen as súas vidas e é o que está favorecendo tamén a actividade das mafias" -salienta- "Deberían flexibilizar este peche das fronteiras, porque estamos vivindo unha situación de emerxencia, excepcional". Sánchez critica o progresivo esquecemento do drama que viven millóns de refuxiados, despois de que o pasado outono, durante unhas semanas e co foco mediático posto sobre o tema, os gobernos europeos si deran a impresión de que ían buscar algún tipo de solución, por limitada que fose. "Os propios gobernos prevían que ata decembro entrarían en Europa de máis dun millón de refuxiados (un millón segundo Acnur e un millón e medio segundo Frontex). E mesmo así o seu programa de asilo a través dun reparto de cotas entre países só chegou a 160 mil", explica Sánchez.

"Todas as xuntanzas que tiveron os líderes europeos nestes últimos meses limitáronse a estudar como pechan mellor as fronteiras e como as protexen militarmente"

"Mesmo nos momentos de maior compromiso público, xa se prevía que a maior parte destas persoas quedarían desatendidas. E a realidade é que deses 160 mil practicamente non se deu asilo a ninguén. A España, que lle correspondían 15 ou 16 mil, chegaron apenas unha vintena de persoas", engade. "Todas as xuntanzas que tiveron os líderes europeos nestes últimos meses limitáronse a estudar como pechan mellor as fronteiras e como as protexen militarmente", denuncia. "O drama no Mar Exeo é brutal, porque non hai ningunha misión de salvamento europea. A única atención é emprestada por voluntarios, que ademais son criminalizados e perseguidos por isto, e despois, hai rescates unicamente porque pola lei de salvamento marítimo unha embarcación está obrigada a socorrer a outra se ve que está naufragando", sinala.

 

Peticións aos gobernos europeos, español e galego

Na convocatoria da marcha denúncianse "as políticas migratorias europeas que atentan contra o dereito á vida e á libre circulación das persoas, violando os dereitos humanos e o dereito de asilo" e tamén "a guerra como método incapaz para a resolución de conflitos". Alértase do "acoso e criminalización do voluntariado que se apresta a salvar as vidas que os nosos gobernos poñen en perigo" e critícase "a confiscación de bens das persoas socilitantes de asilo", como comezou a facer o goberno danés, unha práctica "que lembra" o realizado pola "Europa nazi respecto das minorias que perseguiron". 

Pídese o establecemento de rutas legais e seguras para a entrada no continente, e dun corredor ou pasaxe que permita o tránsito dos e das refuxiadas a través dos distintos países da UE

A marcha realiza unha serie de esixencias aos goberno europeos, comezando pola derrogación do regulamento Dublín III (que indica que o país responsable de conceder ou non asilo é aquel ao que primeiro chega unha persoa refuxiada) e pide implementar a posibilidade de solicitar visados en embaixadas e consulados de terceiros países. Tamén esixen "con carácter urxente" o cumprimento dos acordos de acollemento adquiridos, "nun prazo non superior a 15 días" e o establecemento de rutas legais e seguras para a entrada no continente, e dun corredor ou pasaxe que permita o tránsito dos e das refuxiadas a través dos distintos países da UE.

A convocatoria tamén lle demanda ao Goberno español "aumentar o número de persoas en acollida" e "proporcionar a dotación orzamentaria que lles garanta unhas condicións de vida dignas". De igual xeito, pide despregar "os medios de salvamento necesarios no Mar Mediterráneo e Exeo que impidan o aumento de vítimas". E, ademais, "o estrito respecto dos dereitos humanos na Fronteira Sur", así como a retirada inmediata das concertinas, o peche dos CIE e que "se faga xustiza en relación aos asesinatos acontecidos na Praia de Tarajal". 

A convocatoria tamén lle demanda ao Goberno español "aumentar o número de persoas en acollida" e "proporcionar a dotación orzamentaria que lles garanta unhas condicións de vida dignas"

A manifestación que terá lugar na Coruña realízalle tamén unha serie de peticións á Xunta de Galicia, comezando por "territorializar os servizos de atención ás persoas demandantes de asilo e en paralelo formar e/ou especializar ás persoas dos municipios en cuestión que se terán que facer cargo do apoio e a atención ás persoas solicitantes, sin detrimento da atención ao resto da poboación". Pide tamén que o Goberno galego apoie a Rede de Cidades Refuxio e facilite a súa coordinación.

"O pobo galego non esquecemos o noso pasado emigrante e exiliado" -conclúen- "e por iso esiximos o compromiso activo das autoridades, gobernos e medios de comunicación, para crear unha opinión pública afastada da xenofobia e do racismo, así como apelar a que xornalistas, historiadores e colectivos culturais traballen na promoción da  diversidade cultural como  valor a cultivar e como motivo de esperanza de futuro".

Imaxe da manifestación convocada na Coruña © Foro Galego de Inmigración
Un grupo de persoas refuxiadas na fronteira entre Serbia e Croacia CC-BY Trocaire

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.