"Debemos elaborar unha proposta de nación que sirva para os nacionalistas e para os non nacionalistas"

Xaime Subiela, á esquerda © Consello da Cultura Galega

O investigador social Xaime Subiela foi galardoado co Premio Ramón Piñeiro de ensaio coa obra Para qué nos serve Galiza? Nela avoga por democratizar a cuestión da identidade cunha proposta de galeguismo en clave de republicanismo cívico, coherente coa historia do nacionalismo galego, sempre hibridado cos movementos emancipadores. Trátase dunha obra que en definitiva se pregunta para que serve a nación e explora nas súas posibilidades integradoras e de dotación de dereitos e cidadanía. A obra será publicada o vindeiro ano pola Editorial Galaxia, que organiza o certame en colaboración coa Xunta.

A obra fai unha proposta de galeguismo en clave de republicanismo cívico, coherente coa historia do nacionalismo galego, sempre hibridado cos movementos emancipadores

Para qué nos serve Galiza? é unha reflexión sobre a importancia do nacionalismo e do galeguismo no tempo actual. Subiela parte de que moitas das ideas centrais que sustentan teoricamente o galeguismo datan de comezos do século XX e que dende entón non houbo demasiado esforzo por facer unha lectura actualizada dese legado. O libro neste senso non achega respostas senón que tenta formular algunhas vías "para abrir o campo, para repensar o galeguismo, para que non soe ao mundo dos devanceiros, senón que pareza algo presente e sexa valioso para as persoas".

"Debe haber un proxecto de construción nacional que sexa aceptable para todo o mundo. Non porque as propostas nacionalistas non sexan boas senón porque é preciso que sexa hexemónica"

A obra fai unha proposta en clave de republicanismo cívico do galeguismo: "A idea central é democratizar a cuestión da identidade. Debemos formular unha proposta que permita ver que a construción de Galicia non só ten que ver con construír unha colectividade, senón que ten que ver con construírmonos a nós mesmos. A construción colectiva debe ser algo valioso tamén para as persoas que facemos parte desa colectividade". Subiela conclúe a este respecto que: "para construír unha proposta de nación entre todos e todas debemos elaborar unha proposta de nación que sirva tanto para os nacionalistas coma para os non nacionalistas. Debe haber un proxecto de construción nacional que sexa aceptable para todo o mundo. Non porque as propostas nacionalistas non sexan boas senón porque é preciso que sexa hexemónica".

Subiela apunta que "tanto Castelao como Piñeiro partían dunha concepción de nación moi semellante, que era a mesma de Risco". E engade que "ambos os dous tiñan razón: ten que haber un movemento nacionalista na sociedade con aspiracións políticas e que estea conectado coa realidade social. Pero ao mesmo tempo é necesario que as forzas non nacionalistas asuman o discurso nacional. Iso que en Catalunya é fundamental aquí acabou sendo un anatema".

 

Unha nación fundada sobre valores emancipadores

"Castelao e Piñeiro tiñan razón: ten que haber un movemento nacionalista na sociedade con aspiracións políticas. Pero ao mesmo tempo é necesario que as forzas non nacionalistas asuman o discurso nacional"

Neste senso afirma que "a nación debe fundarse sobre un conxunto de valores universalistas. E por iso unha das cousas que fago é falar de Galicia como unha unidade política na que a defensa do galeguismo ten que ver coa defensa da igualdade, da fraternidade, da liberdade e da democracia. Do galeguismo como empoderamento e de Galicia como nación aberta". Esta visión é coherente coa historia do nacionalismo galego, sempre hibridado cos movementos emancipadores, dende o liberalismo do XIX, até o federalismo e republicanismo, e contemporaneamente co ecoloxismo ou o feminismo e hoxe cos movementos de radicalidade democrática.

Subiela lembra que a base sobre a que se apoia o galeguismo, dende Risco e Castelao pero tamén na actualidade, "nunca perdeu unha base organicista aínda que a fundamentación económica do atraso e da marxinación fixo xirar un chisco o foco. É dicir, nunca deixou de estar baseada nunha serie de elementos obxectivos culturais que deixaron a política e a vontade nun segundo plano". Por iso defende que "o galeguismo debe facer unha proposta social inclusiva e con vontade hexemónica" pois "o marco co que estivo operando o nacionalismo non foi suficientemente atractivo para que unha maioría social o asumise".

 

A influencia de Catalunya na construción nacional galega

"A autonomia non deu lugar a unha dimensión nacionalista como en Catalunya, pero non é desprezable o que se conseguiu aquí tendo en conta de onde viñamos"

Catalunya moi está presente no libro, pois nas últimas décadas influiu moito na construción nacional de Galicia: "Por imitación e porque Catalunya sempre foi o axente habilitador: nós podiamos facer cousas cando os cataláns abrían o campo. E tamén a cuestión do agravio comparativo sempre foi unha cuestión moi automática. Pero á vez sempre foi unha fonte de frustración: nunca conseguiamos chegar ao seu nivel. Era unha fonte de tensión positiva e negativa a un tempo".

Subiela salienta tamén a distinto resultado que os trinta anos de autonomia produciron nun territorio e noutro pero lembra igualmente "que o punto de partida non tiña nada que ver . Ás veces facémonos unha composición de lugar irreal". Destaca que o efecto que se conseguiu aquí durante os trinta anos de autonomía foi "a construción dunha comunidade cultural autónoma e consecuentemente como un suxeito político tamén autónomo". "E iso conseguiuse -di- grazas ao Parlamento galego, a que a Xunta se identificase cos procesos de expansión económica, de servizos públicos e do benestar, á TVG, ao Xabarín... Hai unha serie de cousas que foron relevantes na construción dun imaxinario común e na creación dun espazo comunicativo e cultural común. Iso non deu lugar a unha dimensión nacionalista como en Catalunya pero non é desprezable o que se conseguiu aquí tendo en conta de onde viñamos. Dun franquismo sociolóxico moi importante".

 

Xaime Subiela, á esquerda © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.