'Declaración de Vilaboa': Dez demandas contra "o esquecemento das vítimas da represión"

Encontro das asociacións de memoria histórica, esta fin de semana en Vilaboa © A Regaduxa

Asociacións de memoria histórica de toda Galicia reuníronse este sábado na Casa de Cultura de Riomaior, en San Adrián dos Cobres-Vilaboa, co obxectivo de "poñer en común" as súas propostas de traballo para o 2016, sinalando a importancia deste ano "por cumprírense 80 anos do inicio da represión fascista". Na xuntanza leuse a Declaración de Vilaboa, un documento acordado previamente entre elas que fixa un decálogo de reivindicacións e demandas ás administracións, comezando pola esixencia "dunha política pública da memoria" de carácter estatal e por parte do goberno galego.

Así mesmo, as entidades realizaron un acto de homenaxe no peirao de Santa Cristina dos Cobres, un lugar "cargado de simbolismo", destaca a asociación A Regaduxa, "pois está situado fronte a San Simón, moi preto da estrada que foi construída co traballo forzado dos presos da illa, e á beira da ría de Vigo, a maior foxa común do noso país, onde foron fondeados os corpos de ducias de homes que nunca voltaron".

"A historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio, sobre o esquecemento das vítimas da represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe"

A Declaración de Vilaboa ábrese sinalando que "a historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio, sobre o esquecemento das vítimas da represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79 anos despois do golpe militar fascista, 40 anos após a morte do Ditador". Demanda "a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego", atendendo ás recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff e esixindo a derrogación da Lei de Amnistía de 1977.  E "apela á conciencia democrática de maxistrados e maxistradas" para que "non amparen a fascistas, integrantes activos da ditadura franquista, aínda vivos; favorecendo o seu xulgamento no noso territorio, así como a colaboración co proceso xudicial aberto desde Arxentina contra o rexime franquista".

O documento pídelles aos gobernos municipais e deputacións "que inclúan a política da memoria histórica nas súas prioridades políticas" e solicítalle ao Goberno galego o seu apoio "ao labor das asociacións de recuperación da memoria histórica". Así mesmo, demanda "a recuperación e reactivación –con financiamento da Xunta- do Proxecto Nomes e Voces para a investigación e divulgación sobre a represión franquista", e a "difusión pública da documentación do proxecto: imaxes, documentos escritos, gravacións...". Solicita "unha decidida política de cara a facilitar o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión, así como a dotación de medios para a clasificación e a divulgación dos fondos na rede". 

Demanda "a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego", atendendo ás recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos

Esixe "a desaparición da simboloxía franquista e de todo tipo de elementos que lembren a Ditadura e sexan ofensivos para as vítimas". Propón a creación "dunha rede galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común", dándolles prioridade a lugares de represión, lugares de resistencia, espazos de solidariedade e foxas comúns". E pide, igualmente, que a Illa de San Simón "volva ser Illa da Memoria, e acolla prioritariamente actividades relacionadas coa memoria histórica".

Propón a creación "dunha rede galega de Lugares da Memoria"

As entidades de memoria histórica propoñen finalmente a organización ao longo de 2016 -en colaboración con concellos e deputacións- dun programa de actividades de investigación, divulgación e homenaxe sobre as vítimas do franquismo. E, no que atinxe á divulgación, atendendo especialmente aos centros educativos.

Encontro das asociacións de memoria histórica, esta fin de semana en Vilaboa © A Regaduxa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.