Defensa descoñece o contido do vertedoiro de explosivos fronte á costa galega

Achados de munición na costa atlántica entre 1999 e 2008 © OSPAR

O pasado mes de febreiro a revista científica Materia advertía da existencia fronte ás costas españolas de seis depósitos de munición e explosivos caducados, utilizados polo Exército como vertedoiro até que estas prácticas cesaron en 1995. Un deles estaba situado moi preto da costa Galicia, a pouco máis de 50 quilómetros de Ferrol e A Coruña. A fonte era o gabinete do Almirante Xefe de Estado Maior da Armada, Jaime Muñoz-Delgado. De contado a entidade ecoloxista ADEGA púxose en contacto coa Xunta para obter máis información sobre a localización exacta deste depósito, o seu contido exacto (e, polo tanto, a súa perigosidade para mariñeiros e para o medio ambiente) e as medidas que a administración adoptara para vixilalo. As Consellarías do Mar e de Medio Ambiente responderon non ter información, declarándose incompetentes e remitindo a Defensa.

O Ministerio de Defensa vén de responder a esa solicitude de información, confirmando a existencia deste vertedoiro abandonado na localización apuntada. Porén, a comunicación oficial, lonxe de tranquilizar as dúbidas e temores de ADEGA, semella ter engadido máis preocupación. Defensa respondeu indicando a localización precisa do vertedoiro (técnicamente zona de lanzamento de cargas de profundidade e vertedoiro de explosivos), un círculo de 3 millas náuticas de radio centrado nas coordenadas 43º45'N, 09º02'W. Alén diso, pouco máis engadiu o Ministerio, que engadiu que "dado o tempo transcorrido dende que deixaron de utilizarse, actualmente a Armada xa non dispón de información onde se concrete o tipo exacto de munición fondeada". Ademais, recoñece que "a Armada non realiza ningún tipo de vixilancia especial relativa á contaminación da zona".

O Ministerio recoñece non dispor "de información onde se concrete o tipo exacto de munición fondeada"

ADEGA lembra "os riscos que para a seguridade e a saúde ambiental e cidadá" que poden supor estas instalacións, pero ante este isto Defensa limítase a indicar que "a opinión científica maioritaria está conforme con que as municións presentes no leito mariño non presentan riscos para a saúde humana nin para o entorno se non se altera a súa situación actual".

Entre 1999 e 2008 houbo oito achados casuais de munición na costa galega, sete deles preto do vertedoiro F-130

A entidade ecoloxista cre que si hai motivos para a preocupación, e lembra as conclusións do informe elaborado pola OSPAR sobre as verteduras de municións no mar. Este documento subliña que "hai un claro risco para pescadores e mergulladores nas áreas das verteduras, e que os contaminantes da munición convencional e química poderían chegar á cadea trófica". Ademais, neste texto enuméranse até oito achados casuais de munición na costa galega entre 1999 e 2008, sete deles preto do vertedoiro F-130.

"A Xunta non pode excusarse na súa falla de competencia, xa que podería estar en risco a saúde dos nosos mariñeiros, aliás da contaminación, que non entende de límites administrativos"

Os prexuízos e riscos derivados da existencia deste depósito son claro. Por un lado, a posibilidade de que algún dos elementos alí presentes explote, ou chegue á costa despois de desprenderse do conxunto. O perigo é maior para os mariñeiros que pescan nesas zonas e tamén para posibles traballos de dragado. As explosións en profundidade tamén son unha ameaza para a fauna mariña, tanto pola liberación de contaminantes perigosos coma polo son, que pode provocarlles aos animais danos nos oídos a máis de trinta quilómetros de distancia. Os outros perigos son para o medio ambiente, pola contaminación xerada por algún dos materiais cos que se fabricaba o armamento: chumbo, antimonio, cinc, cobre, ou explosivos coma o trinitrotolueno, a nitroglicerina ou a RDX, ademais doutros compostos químicos.

ADEGA volve reclamarlles ao Ministerio e tamén á Xunta que "tomen medidas, avalíen o estado actual do vertedoiro e fagan seguemento da posíbel contaminación asociada". E sinala que "a Xunta non pode excusarse na súa falla de competencia, xa que podería estar en risco a saúde dos nosos mariñeiros, aliás da contaminación, que non entende de límites administrativos".

Munición atopada pola ONG Grieme fronte ás costas francesas CC-BY-SA Materia
Localización do vertedoiro de explosivos F-130 © Adega
Achados de munición na costa atlántica entre 1999 e 2008 © OSPAR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.