Denantes mortas que caladas: os programas de radio galegos en Euskadi unen as súas voces

Cartel do encontro ©

As radios libres e comunitarias en Euskadi e Navarra forman unha rede ampla e forte, cunha ampla traxectoria. Varias iniciaron a súa andaina nos anos 80 e están a celebrar o seu 35 aniversario. O ano pasado foron Eguzki de Iruña e Hala Bedi de Gasteiz. Este outono son Zintzilik de Errenteria e Txapa de Bergara, e todas acompañan a efeméride dun programa de actividades, con concertos, charlas, debates e a presentación de nova programación.

Os cinco programas falarán da súa experiencia como radiofonistas en galego fóra do país

Na Zintzilik Irratia de Errenteria a celebración inclúe un encontro moi particular o que Galicia é protagonista: a GALIZA EUSKAL HERRIKO IRRATI LIBREETAN 1. TOPAKETA. Trátase do primeiro encontro dos programas de radio galegos que se emiten dende Euskal Herria. Alí uniranse o programa Likor Café de Zintzilik Irratia en Errenteria, Tropa de Breoghan e Habelas Hainas de Hala Bedi Irratia en Gasteiz e Ireki Gaiola de Bilbo Hiria Irratia en Bilbo. Tamén participará un representante de Té con Gotas, o podcast galego realizado dende Londres.

No encontro os responsables dos distintos programas falarán da súa experiencia e as súas reflexións sobre o traballo que fan como radiofonistas, en galego, fóra do país.

Zintzilik Irratia naceu no ano 1984, creada por activistas dos movementos sociais, colectivos antimilitaristas, de insubmisos, feministas, ecoloxistas... Na organización do evento colabora tamén a asociación Galizaleak de Bilbo, que trata de ser un referente na promoción da cultura galega actual e fóra dos tópicos no territorio vasco.

Un dos programas de 'Ireki Gaiola' © Bilbo Hiria Irratia
Os responsables de 'Likor Café' © Zintzilik Irratia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.