Dende a escola dille 'non' ás touradas

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Galicia, Mellor Sen Touradas vén de lanzar un manifesto dirixido ao persoal docente para protestar contra este violento espectáculo e os subsidios que segue recibindo das administracións públicas. O manifesto Por unha Educación de Paz... incide na contradición entre os recortes que se están producindo no financiamento do ensino público e as subvencións que por exemplo seguen recibindo as touradas na Coruña: "Co investimento na feira taurina da Coruña dos últimos anos poderían fornecerse liñas de apoio ao estudantado e ao emprendemento dos novos titulados universitarios ou de formación profesional". 

Ponse como exemplo que a feira taurina da Coruña recibiu en 2012 90.000 euros públicos, uns cartos que permitirían manter abertas a biblioteca veciñal de Monte Alto durante dous anos xunto coa escola infantil do barrio durante 18 meses

Ponse como exemplo que a feira taurina da Coruña recibiu en 2012 90.000 euros públicos, uns cartos que permitirían manter abertas a biblioteca veciñal de Monte Alto durante dous anos xunto coa escola infantil do barrio durante 18 meses.

O texto tamén salienta que "as prioridades das institucións públicas deberían ser de apoio á cidadanía, non ofrecer espectáculos semellantes ás políticas romanas do Panem et circenses para desviar os problemas e necesidades reais". E lembra que "os festexos taurinos son rexeitados por unha inmensa maioría social e polo tanto corresponde aos poderes públicos asumir as demandas cidadás e gobernar para o pobo, non para grupos de presión e poderes fácticos que aproveitan máis os espazos escuros das administracións públicas que as regras democráticas".

Profesores e profesoras do ensino primario e secundario, catedráticas e catedráticos das tres universidades galegas xa amosaron o seu rexeitamento á tauromaquia nun texto divulgado pola plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas. Dende a plataforma tamén se subliña "a circunstancia paradoxal" que supón restrinxir o visionado de certos contidos en televisión, moitos deles de ficción, "e permitir, posibilitar e incluso impulsar a entrada de menores en touradas e outros festexos taurinos, cando son igual de reais que crueis".

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.