Denuncian a "incompetencia" e "improvisación" da Xunta pola ausencia dun plan de prevención de incendios

O lume que afectou a Quiroga queimou case 40 hectáreas © @BrifLaza

Marcharon as chuvias, chegaron os primeiros días de sol e dúas ou tres xornadas de temperaturas por riba dos vinte graos, e apareceron tamén os primeiros incendios do ano. O máis importante afectou á parte sur do Courel, na Seara (Quiroga), nun espazo da Rede Natura, onde arderon máis de 35 hectáreas. Pero tamén se queimaron outras 5 hectáreas en Cuntis, e noutras zonas do país houbo outros focos de menor importancia. En calquera caso, o tempo seco e soleado incrementa o risco de extensión do lume, e os profesionais de prevención e extinción denuncian que os equipos da Xunta están "en mínimos" e que por parte do Goberno galego existe "unha total improvisación" á hora de deseñar o dispositivo para este ano. Un ano máis.

A entidade denuncia "a clara incompetencia dos responsables da consellería que continúan coa súa teima de improvisar sobre a marcha nun asunto que debería ser obxecto de planificación"

Os responsables da Asociación Profesional do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (Apropiga) afirman estar "preocupados" ante a perspectiva dunha campaña de incendios na que, din, "non auguramos nada bo". A entidade denuncia "a clara incompetencia dos responsables da consellería que continúan coa súa teima de improvisar sobre a marcha nun asunto que debería ser obxecto de planificación". Apropiga sinala que "a día de hoxe e a pesar da nosa insistencia, a consellería aínda non aprobou o documento que rexe o modelo de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia para este ano". 

Demanda, así mesmo que o modelo debería ser "público e profesionalizado", algo que non se cumpre: "o modelo que queren é un modelo privatizado e que xere rendibilidade electoral de cara ás próximas eleccións", denuncian, en referencia aos contratos externos que a Xunta asina con empresas como Natutecnia e tamén á creación de brigadas municipais, "nun claro intento de crear unha rede caciquil baseada na premisa de que os postos de traballo temporal nas brigadas municipais se darán a cambio de votos. Só hai que ver os procesos selectivos que se fixeron o ano pasado en moitos concellos para darse conta de todo isto que denunciamos".

"Non hai ningunha mellora sustancial, non se cubriron as vacantes, se continúa a insistir nos erros, na privatización, no desmantelamento do público para beneficio do privado, na precarización laboral de moitos profesionais, na utilización electoral e caciquil dos postos de emprego temporal"

A asociación lembra igualmente que neste momento "os medios da propia consellería están baixo mínimos -ata rozar o ridículo- con brigadas con dous bombeiros forestais, vehículos motobomba sen condutores ou puntos de vixilancia pechados porque hai centos de prazas dotadas orzamentariamente que non se cubre e que deberían estar cubertas xa que non supoñen un custo adicional".

Apropiga conclúe que "non hai ningunha mellora sustancial, non se cubriron as vacantes, se continúa a insistir nos erros, na privatización, no desmantelamento do público para beneficio do privado, na precarización laboral de moitos profesionais, na utilización electoral e caciquil dos postos de emprego temporal". E sianala que "as mentiras da consellería non poden ser sempre a escusa permanente para ocultar a súa incompetencia porque tiveron meses e meses para adoptar solucións e non fixeron nada".

O lume que afectou a Quiroga queimou case 40 hectáreas © @BrifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.