Denuncian a supresión do servizo de correos na zona rural

O PT denuncia que moitos lugares da zona rural poden perder o seu servizo neste 2013 CC-BY Gonmi

O Partido da Terra denuncia que ao longo de 2013 moitas zonas rurais de Galicia poderían perder o seu servizo de reparto de envíos postais. A formación afirma que a empresa estatal pode poñer en marcha un decreto aprobado en 2008 que deixaba nas súas mans a decisión de manter ou non o servizo en lugares de baixa densidade de poboación. A medida xustificaríase tamén na mellora das condicións de traballo do carteiros, alegando que en moitos momento atopan dificultades no reparto nestas zonas, coma a ausencia de rótulos nas rúas ou as deficiencias de sinalización.

O PT denuncia que isto obrigaría os habitantes das zonas rurais a desprazarse cara ás oficinas situados nos núcleos urbanos ou a lugar habilitados para ese efecto en determinadas parroquias, un gran problema en moitos casos por mor das dificultades que actualmente existen no transporte ou da imposibilidade de abandonar as súas explotacións. O PT afirma que esta medida está encadrada no plano xeral de abandono e crecente marxinación do rural, evidenciado coa redución e clausura doutros servizos de saúde e ensino e considera que a resposta debe ser a creación de servizos postais de base comunitaria e "proceder ao boicot da empresa estatal".

 

O PT denuncia que moitos lugares da zona rural poden perder o seu servizo neste 2013 CC-BY Gonmi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.