Denuncian a "utilización fraudulenta" das brigadas de extinción na Estrada

Membros das brigadas, colocanado plantas ornamentais diante da Casa do Concello © Apropiga

A asociación profesional Apropiga, que engloba os profesionais da prevención e extinción de incendios forestais do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) da Consellería de Medio Rural, leva anos denunciando a "utilización fraudulenta" que se está a facer, en diferentes concellos de Galicia das brigadas municipais de prevención e extinción de incendios forestais contratadas para o período de alto risco de incendios.

Segundo Apropiga, as dúas brigadas municipais "foron destinadas a colocar plantas ornamentais diante da Casa do Concello con motivo da saída da etapa número 18 da Vuelta Ciclista a España"

Nesta ocasión chama atención sobre un feito que tivo lugar esta semana na Estrada, onde segundo a asociación as dúas brigadas municipais contratadas en convenio coa consellería para prevención e extinción de incendios forestais "foron destinadas a colocar plantas ornamentais diante da Casa do Concello con motivo da saída da etapa número 18 da Vuelta Ciclista a España". O colectivo explica que este é só un exemplo máis de prácticas que se están a repetir en todo o país, onde "abundan os exemplos de brigadas municipais destinadas a traballos que non lles corresponden: brigadas traballando nas festas gastronomicas, colocando mobiliario en eventos, pintando pasos de peóns, pintando edificios municipais, limpando glorietas, etc...".

Para Apropiga "queda claro que o modelo de dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais baseado na contratación a través de brigadas municipais consiste en que estas están ao servizo dos respectivos alcaldes que dedican ós profesionais contratados a labores que nada teñen que ver coas funcións que se establecían cando accederon a eses postos de traballo en convocatoria pública". De igual xeito, denuncia que "a consellería é cómplice do que ocorre", xa que "é coñecedora destas prácticas e as consente a pesar de que non ter nada que ver coas funcións encomendas nos convenios que firma cos diferentes concellos".

"Queda claro que o modelo de dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais baseado na contratación a través de brigadas municipais consiste en que estas están ao servizo dos respectivos alcaldes"

A asociación repite a súa esixencia, manifestada xa en numerosas ocasións nos últimos anos, de que a Xunta "se deixe de inventos interesados dirixidos por escuros intereses e se retorne a un servizo público, único e profesional que remate coa utilización irregular dos profesionais da prevención e extinción de incendios forestais". Apropiga demanda "rematar cun modelo localista, fraccionado e privatizado de prevención e extinción de incendios forestais que redunda na súa menor eficacia".

Membros das brigadas, colocanado plantas ornamentais diante da Casa do Concello © Apropiga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.