O Comité de Defensa das Rías Altas vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo da provincia da Coruña en relación coa construción dun campo de tiro olímpico no lugar de Vilar de Fraga, Soandres, concello da Laracha. A denuncia alerta de que a instalación ocupa parte dunha fraga de 8,5 hectáreas de superficie, situada á beira do Río Anllóns, e na que varias árbores centenarias foron taladas. O proxecto inclúe o levantamento dunha nave de 3,5 metros de altura que a entidade entende que non debe ser autorizada.
A asociación subliña que a fraga é "especialmente valiosa" e que polo lugar pasa un antigo camiño real, documentado xa polo Marqués da Ensenada no século XVIII "e no que se atoparon restos romanos e tumbas de datación incerta". A entidade critica, igualmente, o perigo que ao seu xuízo pode supoñer a actividade para as persoas que circulen pola estrada anexa ao espazo e por un camiño público "desafectado recentemente por razóns que non entendemos", que formaría parte da Vía XX ou Per Loca Marítima. Ademais, alerta da posible contaminación por chumbo que do campo pode pasar ao río, afectando á ría na que o Anllóns desemboca.
O Comité de Defensa das Rías Altas busca facer pública a denuncia do que considera "un precedente terrible", que afecta a "unha zona de gran valor arqueolóxico e paisaxístico", dunha gran biodiversidade "con case 70 especies protexidas de especial interese recoñecidas no propio Estudo de Impacto Ambiental", e "con, cando menos, 5 especies prioritarias que precisan de plans de xestión e coidado do seu hábitat".