Denuncian "ocultación" no accidente militar que feriu seis soldados en Ferrol

Vista dende o peirao de Curuxeiras da fragata Almirante Juan de Borbón, entrando no Arsenal. Dominio Público Praza Pública

Que sucedeu o pasado mércores 26 de febreiro no Arsenal militar de Ferrol? Aquel día un accidente na fragata Almirante Juan de Borbón provocoulles feridas a seis soldados (dúas mulleres e catro homes), ningún deles de gravidade. Segundo relataron as autoridades militares, o sinistro foi provocado polo disparo accidental dun artefacto militar inerte (unha peza non explosiva) empregado para facer comprobacións do sistema de lanzamento de cohetes que teñen como misión facer de reclamo para mísiles inimigos. A Armada prohibiu temporalmente este tipo de probas e abriu unha investigación interna.

Porén, nos últimos foron coñecéndose, a través de denuncias de veciños e veciñas da zona, máis datos sobre o sucedido. Algunhas testemuñas aseguran, como recolleron algúns medios, como El Confindencial Autonómico, que o artefacto saíu disparado do recinto militar e caeu na auga a varios metros, no peirao de Curuxeiras, despois de voas por riba de varias vivendas. Os veciños do lugar avisaron a policía portuaria e esta aos bombeiros. Porén, segundo El Confidencial Autonómico, os bombeiros recibiron orde da Armada de non acudir ao porto e, no seu lugar, apareceu unha lancha militar con varios buzos que se mergullaron para recuperar o proxectil.

Este xoves AGE, a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, vén de esixir publicamente explicacións pola caída deste artefacto militar nun espazo público. Na proposición presentada no Parlamento, Díaz destaca que o sucedido “amosa os permanentes riscos da actividade militar e a necesidade de extremar controis e medidas de seguridade”, e reclámalle á Xunta que lle pida ao Goberno de Madrid “unha explicación veraz e polo miúdo das causas do accidente e as medidas precisas para evitar a repetición de algo semellante”.

Yolanda Díaz considera "absolutamente inaceptábel" a "ocultación da parte do incidente que atinxe á seguridade cidadá”

Yolanda Díaz considera "absolutamente inaceptábel" a "ocultación da parte do incidente que atinxe á seguridade cidadá” e demanda "datos públicos e veraces da Mariña militar e unha investigación exhaustiva”. Díaz destaca o "perigo latente" existente na zona: “Caeu en Curuxeiras pero podería caer nos tanques desa arma de destrución masiva en potencia que é a ilegal planta de gas de Reganosa”.

O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso dos Deputados na que lle piden explicacións ao Ministerio de Defensa

De igual xeito, o BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso dos Deputados na que lle piden explicacións ao Ministerio de Defensa polo accidente e polo feito de que ao caer parte do reclamo disparado fóra do recinto militar supuxo algun risco para a poboación civil. Para o BNG, o accidente ten a suficiente gravidade como para que o Ministerio de Defensa "dea conta e explique se considera normal que este tipo de exercicios do sistema de lanzanmento de mísiles se desenvolvan en buques atracados en porto".

Vista dende o peirao de Curuxeiras da fragata Almirante Juan de Borbón, entrando no Arsenal. Dominio Público Praza Pública
Visita da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, á fragata Almirante Juan de Borbón © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.