Denuncian os obstáculos de Portos de Galicia a un monumento de homenaxe ás vítimas do franquismo

Peirao de Santa Cristina de Cobres, coa Illa de San Simón ao fondo © riadevigo.org

O colectivo A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa leva anos promovendo ante as distintas administracións a instalación no dique do peirao de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) dun monunento de homenaxe ás vítimas do franquismo. Un emprazamento escollido porque nese lugar os presos de San Simón foron obrigados a realizar traballos forzados. Trátase dunha intervención sobria e discreta, formada por letras en ferro cortén fixadas nas pedras do dique, co texto: “Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa”.

A súa instalación depende de Portos de Galicia, organismo dependente da Xunta. Porén, segundo destacan os responsables do colectivo, dende Portos de Galicia non houbo nos últimos resposta á solicitude de instalación da inscrición, realizada a través do Concello. A Regaduxa decidiu tomar a iniciativa e promover a colocación do monumento. A inscrición foi presentada o pasado 26 de abril, nun acto público que tivo lugar no peirao, coa participación de numerosas persoas e entidades que colaboraron para facer posible a homenaxe. Así mesmo, o colectivo presentou unha solicitude de autorización que foi respondida negativamente.

A Regaduxa considera que esta resposta negativa de Portos de Galicia responde "a razóns ideolóxicas", algo que "se demostrou nas conversas con diversos representantes do organismo, que puxeron obxeccións ao texto da inscrición por empregar a expresión terror franquista”, sinalan. Para A Regaduxa, "Portos de Galicia e por extensión o Partido Popular actúan como continuadores e herdeiros do franquismo. E ao prohibir esta homenaxe, atentan contra a memoria das vítimas e as súas familias".

Vai promover "diferentes iniciativas para levar a cabo a citada homenaxe" ante o que sinalan como "actitude antidemocrática e atentatoria contra a memoria das vítimas"

O escrito de denegación aduce razóns técnicas, coma a restrición no acceso á zona portuaria e mesmo a perigosidade que suporía a contemplación da citada inscrición. Porén, para A Regaduxa estas razóns técnicas son "meras escusas para xustificar unha decisión política". Lembran que estas zonas portuarias "acollen habitualmente actividades lúdicas, recreativas, relixiosas e deportivas sen limitación de acceso" e que "en varios portos de titularidade autonómica existen monumentos e inscricións que ao parecer non son tan molestos como o promovido en Vilaboa".

Para A Regaduxa estas razóns técnicas son "meras escusas para xustificar unha decisión política"

A Regaduxa vai promover "diferentes iniciativas para levar a cabo a citada homenaxe" ante o que sinalan como "actitude antidemocrática e atentatoria contra a memoria das vítimas". Nas próximas semanas convocarase un acto público reivindicativo ao que se convidará ás asociacións de defensa da memoria histórica e á veciñanza.

O pasado mes de marzo Luís Bará (directivo de A Regaduxa, autor do blog Non deas a esquecemento) escribiu no seu espazo web un texto dedicado a Xosé María Álvarez Cáccamo, presidente da asociación, que resume nun parágrafo as "cicatrices" deixadas pola represión franquista nesta zona: "Na miña terra de Vilaboa, o territorio é tamén un mapa de cicatrices. Son marcas invisíbeis na pel da paisaxe, no pano da historia. Como as curvas da Regaduxa, entre Acuña e Santa Cristina de Cobres, co seu ronsel de sangue e de infamia. Un territorio escuro, deshabitado, rodeado de sombras, que as partidas falanxistas sementaron de cadáveres. Daqueles crimes hoxe apenas permanece o silencio e a rabia, por tanta inxustiza, por tanta impunidade".

Peirao de Santa Cristina de Cobres © http://www.riadevigo.org
Peirao de Santa Cristina de Cobres, coa Illa de San Simón ao fondo © riadevigo.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.