Denuncian que a Audiencia Nacional intenta evitar a inmediata posta en liberdade de Carlos Calvo

Carlos Calvo Dominio Público Praza Pública

Os avogados de Carlos Calvo, que leva 6 meses de prisión preventiva acusado dun “presunto delicto de pertenza a organización terrorista e presunto delicto de tenencia de explosivos”, denuncian que a Audiencia Nacional intenta evitar a súa inmediata posta en liberdade mediante a imputación dunha nova acción do 2011 e cuxa investigación fora pechada sen autor coñecido. 

O seu avogado, o catalán Benet Salellas, presentou o 28 de febreiro un recurso de reforma contra o auto de procesamento de Carlos Calvo, argumentando que "en todo o sumario de 4 tomos non hai indicios suficientes para procesar a Carlos por pertenenza a unha suposta organización terrorista en Galicia inexistente –pois a día de hoxe ningunha sentenza en firme xudicial considerou que exista tal banda e o propio fiscal considera que o existente na causa de Carlos aportado pola Garda Civil é insuficiente- e que non hai motivos para negar a súa posta en liberdade nin tampouco para que este tema siga sendo tratado pola Audiencia Nacional".

Cando tanto Carlos como o seu avogado, estaban agardando a que a Audiencia Nacional resolvera o recurso presentado, o xuíz anuncioulle a súa imputación nunha nova causa correspondente a un expediente que leva anos parado na AN por non ter probas sobre a autoría duns feitos acontecidos en Vigo en outubro do 2011, relativos á colocación dun explosivo nun caixero de Nova Caixa Galicia que os Tedax explosionaron controladamente.

Os seus avogados denuncian que "precisamente agora, cando non hai motivo algún para retrasar a inmediata posta en liberdade de Carlos, a Audiencia Nacional decide imputarlle esta nova causa co obxectivo de intentar que iso conste como un inventado antecedente de Carlos que nunca tivo e que é totalmente falso, e así atrancar a súa liberdade. Algo que aconteceu, para máis gravidade, negándolle o seu dereito á defensa ao ter que ser asistido por unha avogada de oficio en lugar de polo seu propio avogado de confianza".

A Rede de Apoio a Carlos Calvo afirma que "a policía e a Audiencia Nacional non poden aproveitarse de que Carlos leva inxustamente 6 meses en prisión preventiva sen motivos para cargarlle inventadamente a suposta autoría doutras causas que levan anos sen resolver por non ter probas nin as investigacións concluír nada determinante sobre quen está detrás deses feitos".

 

Carlos Calvo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.