A Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema público de saúde. Normalmente, cando un usuario ou usuario solicita unha cita co seu médico, a consulta é practicamente inmediata; se o facultativo ou facultativa está de vacacións ou nunha baixa prolongada, adóitase contratar un substituto ou substituta que sae das listas de contratación. Nos últimos anos, de forma máis acusada dende o 2012, en moitas ocasións o SERGAS está optando por non cubrir as baixas e a carga de traballo dun ou dunha profesional, os seus pacientes e citas, están sendo asumidas polo resto do cadro de persoal. Esta política de aforro xa provocou a mobilización do persoal eventual, aqueles e aquelas profesionais sen praza fixa que dependen destas substitucións para traballar.
SOS Sanidade Pública denuncia que "os pacientes de médicos que teñan unha baixa prolongada poden pasar semanas rodando de médico en médico para ser atendido polo mesmo problema ou sufrir os atrasos acumulados ante tantos bloqueos de axendas"
Porén, esta política tamén ten un efecto nos usuarios e usuarias, sobre todo naquelas áreas sanitarias nas que a obstinación por non realizar substitucións mantense mesmo naquelas épocas con máis baixas (verán ou ciclos de enfermidades estacionais). É o caso da Coruña, onde varios profesionais e a propia plataforma SOS Sanidade Pública denuncian que a política de "intersubstitucións e bloqueos" está provocando graves prexuízos e mesmo que unha cita co médico de cabeceira se atrase varios días.
Os bloqueos consisten en que o médico ausente non ten axenda de citas ese día polo que calquera paciente dese médico que queira cita non poderá tela ese día salvo que sexa unha urxencia e nese caso será atendido por outro médico, a maiores dos propios pacientes. Un médico que falte cinco días pode ter bloqueados tres días e os outros dous repartir os seus pacientes entre os médicos do centro. A intersubstitución, outra forma de xestionar as ausencias, significa que os pacientes citados para un médico repártense entre os médicos do centro. SOS Sanidade Pública denuncia que "os pacientes de médicos que teñan unha baixa prolongada poden pasar semanas rodando de médico en médico para ser atendido polo mesmo problema ou sufrir os atrasos acumulados ante tantos bloqueos de axendas" e que "o risco para a saúde dos pacientes por falta de asistencia é elevado".
"A atención primaria debe ser o momento de detectar de forma precoz os problemas. Se unha persoa ten que agardar tres ou catro días para ser atendido polo seu médico de familia, estamos ante a peor asistencia sanitaria que se pode dar"
María Seijo, representante da plataforma, cualifica esta política da Xerencia de Atención Integrada da Coruña de "despropósito" e alerta de que pode favorecer a automedicación ou xerar "colapsos" nos servizos de urxencia, onde se dirixirían as persoas que observasen un adiamento excesivo da súa petición de cita.
"O Sergas, esta Xerencia, crea lista de espera en atención primaria", destaca, "a atención primaria debe ser a atención inmediata, porque debe ser o momento de detectar de forma precoz os problemas, de iniciar os tratamentos. Se unha persoa ten que agardar tres ou catro días para ser atendido polo seu médico de familia, estamos ante a peor asistencia sanitaria que se pode dar". Así mesmo, sinala, prexudícase a atención que reciben os pacientes, que en ocasións son atendidos por médicos que os ven a maiores da súa carga de traballo habitual, e ademais pode que a seguinte vez sexan atendidos por outro médico diferente.
"O caso do Ventorrillo é o máis extremo, pero isto sucede no Castrillón, en Elviña, en Matogrande, en Carballo, en toda a área sanitaria"
Seijo engade que "esta Xerencia foi a única que non lles ofertou traballo programado para todo o verán aos médicos en paro. Cando o resto de xerencias estaban chamando aos médicos en paro e ofrecéndolles contratos aquí estábanlles dicindo que ía haber pouco traballo". "O caso do Ventorrillo é o máis extremo, pero isto sucede no Castrillón, en Elviña, en Matogrande, en Carballo, en toda a área sanitaria", comenta. "Hai unha política sanitaria premeditada, dirixida a privatizar todo o privatizable, e a que quede a asistencia pública como unha asistencia de mínimos", conclúe.