Denuncian que Edgewater non podería afrontar un accidente en Corcoesto

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto non teñen capacidade financeira para lle facer fronte ás responsabilidades no caso de que ocorran accidentes graves no futuro proxecto de Bergantiños derivados da rotura das balsas de residuos de lixiviacións. Iso é o que denuncia a Plataforma pola Defensa de Corcoesto. O colectivo lembra estudos da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que cifran o "custo irreparable" dun sinistro deste tipo entre os 300 e os 350 millóns de euros.

O custo dun accidente coas balsas de lixiviados cífrase en máis de 300 millóns de euros

Ante esta dramática posibilidade, o colectivo recorda que a compañía filial, nas últimas contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil, presenta "un patrimonio neto de un millón de euros computando as subvencións recibidas da Xunta de Galicia pendentes de imputar aos resultados do exercicio". Segundo a plataforma, este patrimonio "non chegaría nin tan sequera para facer fronte ás débedas a curto prazo da propia empresa, que ascenden a catro millóns de euros ao non contar con activos tanxibles susceptibles de realización".

O patrimonio dun millón de euros "non chegaría nin tan sequera para facer fronte ás débedas a curto prazo da propia empresa"

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto define como "trampa" a situación financeira da filial da multinacional en Galicia, pero advirte de que a da súa matriz Edgewater "non é moito mellor". É unha empresa júnior que cotiza na bolsa de Toronto e que conta con 88,7 millóns de accións que se intercambian na actualidade por 0,11 dólares canadenses (8 céntimos de euro) o que determina un valor da compañía en bolsa de 7,1 millóns de euros. Xa que logo, o valor da súa cotización caeu nos últimos doce meses un 70% pasando de 0,38 dólares canadenses aos 0,11 actuais e o seu valor contable susténtase "unicamente na estimación dos recursos e das reservas explotables, entre as que se atopan as de Corcoesto e as de Enchi en Ghana". "O seu activo, polo tanto, é de natureza fundamentalmente intanxible, e incerto en canto ao seu valor, por canto a empresa non ten garantida a posibilidade de explotar os recursos descubertos nas fases de exploración e investigación", resume.

Así, a plataforma pídelle á Xunta que "non se deixe enganar por unha empresa cuxa capitalización nin sequera equivale ao valor do monte de Corcoesto afectado polo proxecto mineiro" e exíselle que faga un rigoroso estudo do custo-beneficio do proxecto mineiro, "que a todas luces obrigará a desbotalo polos escasos beneficios para Galicia e os innumerables custos ambientais que deberán asumir, coma sempre, os cidadáns cos seus impostos".

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.