Denuncian que os abortos terapéuticos seguen sendo transferidos a Madrid

Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña

A comezos do pasado ano varias mobilizacións encabezadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto puxeron de relevo que nos hospitais da Coruña e Ferrol se realizaban sen asistencia médica abortos a partir das 14 semanas de xestación. As protestas serviron para coñecer outros casos nos que varias mulleres tiveran que desprazarse a Madrid para realizar interrupcións legal dos seus embarazos, motivados por problemas graves de saúde no feto. Os obrigados desprazamentos a Madrid xeneralizáronse debido ás insuficientes garantías ofrecidas nos hospitais galegos. Unhas viaxes para os que a Xunta ofrecía unha compensación económica moi cativa.

A situación mesmo foi denunciada pola Plataforma ante a Fiscalía, pero esta non abriu dilixencias. Agora, dous anos despois das primeiras denuncias, a Marcha Mundial das Mulleres salienta que "a situación non mudou" e que todos os abortos euxenésicos da área sanitaria da Coruña ("e doutras, coma a de Ferrol", engaden) seguen sendo transferidos a Madrid. Trátase de mulleres que no seu segundo trimestre de embarazo (entre a semana 12 e a 22) vense obrigadas a abortar por malformacións graves que poñen en perigo a espectativa de vida do futuro neno ou nena.

"Ademais, estes abortos fanse nunhas condicións moi malas. Fanse dun día para outro, e tralo aviso as mulleres teñen que estar ás nove da mañá do día seguinte en Madrid", explican. As mulleres deben pagar do seu peto tanto o desprazamento urxente (o seu e, normalmente, o dunha persoa acompañante) coma en moitas ocasións unha estadía dunha noite na capital do Estado, pois estas intervencións requiren dun período de repouso posterior. "Ti adiantas os cartos e a administración despois paga unha parte, que adoita ser pequena, uns 50 euros, insuficientes para compensar o gasto", sinalan dende a Marcha Mundial das Mulleres.

"Na práctica, vulnérase o dereito a interromper o embarazo dentro dos supostos legais, a facelo de forma gratuíta no sistema público de saúde, pois nos máis dos casos as intervencións realízanse en clínicas privadas coas que se chega a concertos", sinalan. "Nós está claro que imos máis aló, reivindicamos o aborto legal en todos os supostos, que sexa seguro e que sexa gratuíto en calquera circunstancia, pero esiximos que cando menos se cumpra a actual lexilación", subliñan. 

"Durante os últimos dous anos non se avanzou nada. Os protocolos non mudaron. A Xunta segue negando que hai obxección de conciencia e segue negando o efecto dos recortes", denuncian. "Non se lles permite decidir de que forma interromper legalmente o seu embarazo. Hai un factor ideolóxico. Non está ben visto, por parte de moitos profesionais sanitarios, que as mulleres decidan interromper o seu embarazo", engaden.

A Marcha Mundial das Mulleres convoca unha concentración ás 20 horas ante o Teatro Rosalía de Castro para denunciar esta situación. A concentración coincide do Día de Acción Global por un Aborto Legal e Seguro, no que tamén se levarán a cabo mobilizacións semellantes no resto de Galicia. Estas concentracións porán sobre a mesa a necesidade de que se cumpran os protocolos internacionais para garantir os dereitos das mulleres que deciden ou que se ven obrigadas a abortar. Ademais, reclamarase que se restaure o dereito das mulleres de 16 e 17 a decidir sobre os seus corpos, un dereito restrinxido pola reforma aprobada polo PP na anterior lexislatura. 

"Forma parte da mesma problemática. Grazas ás nosas presións o Goberno do PP tivo que recuar e non recortou o dereito, agás no caso das menores, un asunto que seguimos a reivindicar. Se unha muller de 16 ou 17 anos pode asinar un contrato de traballo ou pode acceder a operacións que poden poñer en risco a súa vida ou poden manter relacións sexuais consentidas, por que non van poder decidir sobre a interrupción voluntaria do seu embarazo?", salienta a Marcha Mundial das Mulleres.

En Vigo a convocatoria da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto é ás 19.30 horas diante do MARCO, precedida dun debate. En Compostela ás 20 horas na Praza 8 de marzo. E en Ferrol ás 11.30 horas no Hospital Arquitecto Marcide.

 

Hospital Teresa Herrera-Materno Infantil da Coruña Dominio Público Nemigo
Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña
Concentración diante do CHUAC da Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Cartel do acto convocado en Vigo © PGDA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.