Denuncian un cargo da Xunta por facer negocio coas oposicións

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

A xunta de persoal dos servizos centrais da Xunta vén de denunciar que un empregado de Facenda realiza labores de propaganda para preparar oposicións de promoción interna ao subgrupo A2 e promociona clases de preparación desde un correo electrónico oficial. A representación dos traballadores anuncia tamén que o 25 de febreiro xa instara á Secretaría Xeral Técnica do departamento para que realizase unha investigación sobre esta actuación.

O alto cargo tería enviado "e-mails masivos a correos corporativos de traballadores da Xunta"

Os feitos denunciados consisten basicamente, e segundo o comunicado, na publicitación da preparación das oposicións "mediante o envío de e-mails masivos a correos corporativos de traballadores da Xunta (convenientemente preseleccionados) en horario laboral e identificándose o preparador como alto cargo da Xunta de Galicia, concretamente como subdirector xeral do Tesouro, e facendo referencia indirecta a outros altos cargos que tamén colaborarían no devandito labor". Nestes mesmos envíos informábase tamén do prezo das clases, dos horarios e dos temarios e incorporábase a publicidade da academia e unha folla de inscrición na mesma.

A xunta de persoal informou de que o 26 de xuño recibira un escrito da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda na que comunicaba que, efectuada unha "información reservada" (sic) sobre o asunto enténdese que "a conduta denunciada non aparece tipificada como tal na normativa aplicable". Por mor desta resposta, a totalidade dos membros da xunta, pertencentes ao catro centrais con presenza nela, expresou "a súa indignación e malestar por esta actuación da Consellería de Facenda, amparando e ocultando a gravidade dunha conduta dun alto cargo (Nivel 30, máximo cargo funcionarial".

A Xunta non considerou denunciable a actitude do alto cargo, o que causou a "indignación" de todos os sindicatos

Así, a xunta de persoal insiste en que "esta persoa se dedica a empregar medios propios da Xunta para a publicación de actividades mercantís, facéndoo en horario laboral e facendo ostentación do seu cargo para promoción da devandita actividade privada". Para os sindicatos, a "indulxencia"con que se tratou este caso contrasta coa "severidade que, en xeral na Xunta de Galicia actual e en particular na Consellería de Facenda, están a tratarse os dereitos do resto dos empregados públicos".

Deste xeito, exixen á Administración "a incoación do correspondente expediente disciplinario e o cesamento do autor destas irregularidades", xa que, "de continuar a actitude de amparo a estas prácticas por parte da Secretaría Xeral Técnica, esixirase tamén a responsabilidade que corresponda".

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.