Denuncian un empresario vigués por agredir traballadoras que reclamaban o seu salario

Protesta contra a cadea de tendas viguesa © CIG

Tres traballadoras presentaron o pasado xoves unha denuncia ante a Policía por insultos e agresións contra o propietario da cadea de tendas de roupa viguesa Mariel Boutiques. Segundo asegura a CIG, dúas delas tiveron que ser atendidas en urxencias tras unha protesta autorizada diante da casa do empresario para reclamar o pago dos salarios e da indemnización que lle adebeda a unha empregada despedida.

Dúas traballadores tiveron que ser atendidas en urxencias tras unha protesta ante a casa do empresario

Tal e como aclara a central nacionalista nun comunicado, as agresións e os insultos tiveron lugar fronte á vivenda do propietario de Mariel Boutiques, no camiño Sabaxáns, en Lavadores, durante a concentración de protesta convocada pola CIG-Servizos de Vigo para reclamar o pago dos salarios e da indemnización pendentes tras o despedimento dunha empregada. "Esta afectada foi precisamente a que presentou a denuncia por insultos contra o empresario, mentres que dúas compañeiras da CIG que a acompañaban na protesta denunciárono por agresión", di o sindicato.

A CIG denuncia que o empresario bateu contra outro vehículo no seu intento por fuxir

Dende a federación de Servizos explican que o propietario da cadea de tendas de roupa comezou a increpar os participantes na mobilización, unhas 10 persoas, nada máis abandonar a vivenda no seu vehículo. “Baixouse do coche e achegouse até o grupo, para a continuación darlle un forte golpe a unha compañeira que a fixo caer de costas contra o chan”, indican. Logo teríase subido de novo ao seu turismo intentando fuxir a toda velocidade, empotrándose contra o vehículo no que chegaba outra das feridas para participar na protesta.

Como consecuencia, as afectadas tiveron que ser desprazadas en ambulancia a centros hospitalarios da cidade, onde foron atendidas de distintas lesións como contracturas cervicais e hematomas. Mais, segundo indican dende a CIG, as consecuencias puideron ser moito peores xa que o empresario estivo a piques de atropelar varias persoas na súa fuxida tras embestir o vehículo.

A central nacionalista convocará novas protestas -despois das celebradas anteriormente diante da tenda da rúa Salamanca e na vivenda particular- para denunciar a actitude violenta do propietario de Mariel Boutiques e reclamar o abono dos salarios e da indemnización por despido pendentes.

Protesta contra a cadea de tendas viguesa © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.