Denuncian unha agresión homófoba en Ponteareas

Bandeira do colectivo gay nunha manifestación Dominio Público Praza Pública

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) denuncia que o pasado venres unha parella homosexual sufriu unha agresión nun bar de Ponteareas. O ataque comezou con insultos ("maricones") e cando os agredidos responderon a estes, foron golpeados. Unha das vítimas é membro de ALEAS-EU.

ALEAS-EU sinala que "non foi unha liorta calquera nun bar polo estado de embiraguez das dúas partes, foi unha agresión por ser maricóns, un ataque de odio contra dúas persoas só por estar a vivir as súas vidas como calquera outra persoa con dereitos"

A organización sinala que "non foi unha liorta calquera nun bar polo estado de embiraguez das dúas partes, foi unha agresión por ser maricóns, un ataque de odio contra dúas persoas só por estar a vivir as súas vidas como calquera outra persoa con dereitos". E explica que "a agresión non comezou dende a nada, primeiro esta parella tivo que aguantar os insultos homófobos e abafantes de dúas mulleres e dous homes e, cando estes responden, comeza o ataque, posto que o heteropatriarcado non tolera que vivamos abertamente a nosa sexualidade, menos que respondamos ante un ataque".

ALEAS-EU conclúe que "non temos medo" e salienta que "non imos agocharnos en armarios de por vida nin imos a silenciar o noso berro de dignidade ante nada, non poderán calarnos, nin poderán coa causa que defendemos: a creación dun mundo anticapitalista, feminista, antimilitarista, ecoloxista e con liberdades sexuais".

Pola súa banda, Esquerda Unida, que subliña que "a discriminación exercida contra homosexuais, transexuais e bisexuais é xa unha forma de violencia en si mesma, chegando nalgún caso, como este en concreto, no que a violencia chega a materializarse fisicamente" e que "esta realidade debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade como polos poderes públicos". E salienta que "o Concello aínda non se pronunciou ao respecto".

Esquerda Unida presentará este luns unha moción no Concello de Ponteareas

Por ese motivo anuncia que presentará este luns unha moción no Concello de Ponteareas solicitando "que o Goberno Municipal contribúa, dentro das competencias que lle son propias, ao desenrolo e aplicación de todas s medidas posibles contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBIfobia en todos os ámbitos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.