Deputados de PSdeG, AGE e BNG participarán na manifestación antitaurina da Coruña

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

Deputados e deputadas de PSdeG, AGE e BNG veñen de anunciar o seu apoio á manifestación antitaurina que terá lugar este domingo, 4 de agosto ás 12 horas, na Coruña cun percorrido que comezará no Obelisco e rematará na praza de María Pita coa lectura de diferentes manifestos contra as touradas e o uso de cartos públicos. 

Son 26 deputados e deputadas dos grupos da oposición (a totalidade de AGE e BNG e 11 do PSdeG) os que suman a Fronte Antitaurina, un integrupo contra os festexos taurinos que coordinan a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, a Fondation Franz Weber e a Asociación Animalista Libera, entidades que convocan a protesta desta fin de semana. "A mensaxe de apoio dende o Parlamento de Galicia supón un importante pulo moral para as reivindicacións dos abolicionistas", sinalan, despois de que a maioría na cámara do PP chumbara a primeira iniciativa para vetar as touradas no territorio galego.

Na manifestación está prevista, ademáis, a participación de concelleiros da corporación coruñesa e de cando menos 49 colectivos de toda índole, dende entidades veciñais ata organizacións políticas, sindicais e sociais. Tamén asistirán traballadores do eido cultural. Dende a Fronte Antitaurina reclámase a fin dos subsidios públicos para espectáculos taurinos, "unha actividade inaceptable que promove e practica o maltrato animal como forma dun ocio macabro". Convidan asimesmo a participar de xeito activo na protesta na Coruña baixo os lemas “Abolición” e “Por unha cidade sen touradas”.

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.