Deputados de PSdeG, AGE e BNG traballarán xuntos polos dereitos dos animais

Xuntanza do EPDA na pasada lexislatura © Libera

O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais (EPDA) é unha plataforma de traballo creada xa na lexislatura anterior co obxetivo de servir como bancada animalista no Parlamento galego. Antes do 21-O deputados de PSdeG-PSOE e BNG xa integraban este grupo e neste novo periodo parlamentario incorpóranse a eles representantes de AGE. 

O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais traballará contra a presenza de menores nos espazos taurinos e contra a celebracións destes eventos con apoio económico da Xunta

O EPDA presentou este mércores as súas liñas de traballo para esta lexislatura, que continuarán os xa iniciados na anterior.  En rolda de prensa o portavoz da  Asociación animalista Libera, Rubén Pérez Sueiras, acompañado de Patricia Vilán (PSdeG), Antón Sánchez e Eva Solla (AGE), e Ana Pontón e Carme Adán (BNG), explicou que as próximas iniciativas parlamentarias deben incidir na loita contra o maltrato animal, o abandono de animais domésticos, o comercio ilegal de mascotas e denunciar a matanza de lobos e pexas nos cabalos. O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais traballará ademais contra a presenza de menores nos espazos taurinos e contra a celebracións destes eventos con apoio económico da Xunta, un aspecto sobre o que o BNG xa presentou algunha iniciativa no Parlamento.

Pérez Sueiras salientou que debe ser reformada a Lei de protección animal, que data do ano 1993 e debe ser adaptada ao século XXI

Pérez Sueiras salientou tamén que nesta nova lexislatura debe ser reformada a Lei de protección animal, que data do ano 1993 e debe ser adaptada ao século XXI. O portavoz de Libera aludiu finalmente ao traballo destinado ao control das condicións de vida dos animais en circos e acuarios e rexeitou “a explotación animal como espectáculo”.

Xuntanza do EPDA na pasada lexislatura © Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.