Deputados galegos "presionan" a Exteriores para que defenda o pobo do Sáhara

A delegación galega que viaxou ao Sáhara, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Deputados do Parlamento galego uníronse á campaña a prol dos dereitos do Sáhara Occidental. Parlamentarios de todos os partidos participan na "acción de presión" ao ministro de Asuntos Exteriores, García-Margallo, para que apoie a ampliación das funcións da Minurso (Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental), tal e como destaca Amnistía Internacional (AI), impulsora desta iniciativa.

Parlamentarios galegos únense á campaña que presiona a Exteriores para que se amplíen as funcións da Minurso para velar pola "non vulneración dos dereitos humanos no Sáhara"

Xa en xuño de 2013, tal e como destaca AI, a Cámara galega aprobara unha declaración institucional na que solicitaba que o Goberno español traballase activamente dentro da UE a prol da ampliación das funcións da devandita Minurso en 2014, o que "incluiría a vixilancia do cumprimento e non vulneración dos dereitos humanos no Sáhara Occidental". Agora, coincidindo coa discusión anual na Misión no Consello de Seguridade da ONU, deputados e voceiros autonómicos galegos apoian que se incorpore un compoñente de dereitos humanos no mandato desta Minurso.

Así, foron varios os deputados e portavoces parlamentarios os que remitiron cartas a Exteriores pedindo que apoie a incorporación á Minurso de persoas que "poidan investigar violacións dos dereitos humanos, garantindo a observación independente, imparcial e constante da situación dos dereitos humanos no territorio e nos campos de refuxiados saharauís". Ademais, o Intergrupo Parlamentario Paz no Sáhara, composto por membros de PP, PSdeG, AGE e BNG, incluirá a petición de Amnistía Internacional no informe que están elaborando actualmente sobre o tema, e que será remitido tamén ao ministro.

O Intergrupo Parlamentario Paz no Sáhara incluirá a petición de Amnistía Internacional no informe que tamén será enviado ao ministro

"Esta participación ven a confirmar que a Minurso é un tema que preocupa tanto á cidadanía como aos partidos políticos, sen distinción de ideoloxías, e que lonxe de xerar controversias hai unha clara unanimidade a favor da súa ampliación", di Amnistía Internacional, que lembra que esta Misión é "unha das poucas de mantemento da paz da ONU que non ten compoñente de dereitos humanos". "Este mes cúmprese un ano dende que a Minurso renovou o seu mandato por última vez.

Neste tempo, as autoridades de Marrocos continuaron reprimindo a disidencia, impoñendo restriccións á liberdade de expresión e ás manifestacións pacíficas da sociedade civil", recorda a entidade, que di ter "documentados" casos de torturas e malos tratos de activistas e manifestantes baixo custodia policial e logo de protestas convocadas precisamente para que a Misión adopte un mandato de dereitos humanos en 2014.

Amnistía Internacional ven sinalando a necesidade de que o Consello de Seguridade da ONU amplíe o mandato das súas forzas para o mantemento da paz no Sáhara Occidental, a fin de incluír a observación da situación dos dereitos humanos. Entre as actividades levadas a cabo, a organización puxo en marcha unha ciberacción dirixida aos Ministros de Asuntos Exteriores español, José Manuel García-Margallo, e francés, Laurent Fabius, países clave na toma de decisión, para que apoien a incorporación á Minurso de persoas que poidan investigar violacións dos dereitos humanos.

A finais do pasado mes de febreiro, unha delegación do Parlamento de Galicia visitaron o Sáhara Occidental. Carmen Gallego, do PSdeG, Xabier Ron, de AGE, Montse Prado, do BNG e Gonzalo Trenor, do PP, foron na compaña de membros do colectivo Solidariedade Galega co Pobo saharauí (Sogaps) para coñecer de primeira man a realidade da antiga colonia española, agora abandonada á súa sorte e baixo ocupación marroquí.

O grupo de deputados galegos coñeceron testemuños da represión marroquí e apoiaron o dereito de autodeterminación do territorio. Á súa volta, os parlamentarios denunciaron o acoso sufrido por parte da policía de Marrocos. Foron testemuñas do "desafíao ao medo" no Sáhara Occidental.

A Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (Minurso) estableceuse en 1991 no territorio que Marrocos anexionara en 1975, así como nos campos de refuxiados saharauis de Tinduf, no suroeste de Arxelia. O seu mandado consiste na vixilancia dun alto ao fogo entre as forzas armadas marroquíes o Frente Polisario, así como en poñer en marcha un referendo para determinar a condición definitiva do Sáhara Occidental.

A delegación galega que viaxou ao Sáhara, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública
O Sahara © Héctor Juanatey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.