Desafiuzamento cun pequeno dun ano nunha cidade con 15.000 vivendas baleiras

Concentración ante a casa de María, en Ourense © Stop Desafiuzamentos Ourense

Un inminente desafiuzamento dunha familia con dous fillos -un deles dun ano- por non poder facer fronte durante medio ano a un aluguer de 310 euros e aos gastos de luz, auga e sustento básico na barrio da Ponte de Ourense. É un caso máis das graves consecuencias sociais que a crise vai deixando en Galicia, como este de María, ourensá que ata non hai moito tiña unha pequena empresa de limpeza e que veu como os seus traballos quedaban en mans dunha compañía máis grande. Quedou sen emprego e a familia acumulou unha débeda de 2.170 euros tras sete meses sen pagar o alugueiro. 

María e o seu marido, con dous fillos -un deles dun ano- non poden facer fronte ao aluguer de 310 euros e acumulan sete meses de impagos

Foi daquela cando a propietaria da vivenda iniciou un procedemento de desafiuzamento exprés que tiña que ser levado a cabo este mesmo luns e que foi aprazado ata o vindeiro 3 de marzo na procura dunha alternativa real para María e a súa familia. Ante o portal, concentráronse membros de Stop Desafiuzamentos, pero "non co obxectivo de paralizar nada", senón coa intención de "sinalar" un caso que por desgraza se repite noutros moitos lugares e que supón, segundo o colectivo, "un exemplo máis de que hai que cambiar as políticas e de que a Administración non ofrece alternativas a dramas sociais coma este". 

"A propietaria foi sempre moi razoable e sempre deixou claro que non quería deixar a ninguén na rúa; quen está a fallar aquí é unha Administración que parece crear conflito entre o dereito á propiedade e o dereito á vivenda", insiste Stop Desafiuzamentos de Ourense, que denuncia a "ausencia de alternativas reais" ofrecidas pola Xunta a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que se limitou a ofertarlle unha vivenda social en Castro Caldelas ou en Carballeda de Valdeorras -a máis de 30 e 45 quilómeros respectivamente-, o que provocaría, segundo o colectivo, outro problema engadido de "desarraigo ou escasas posibilidades de atopar traballo nestas vilas coas que non ten ningún tipo de relación".

A Xunta ofreceulle unha vivenda social en Castro Caldelas ou Carballeda de Valdeorras

"Teño un fillo estudando en Ourense e outro dun ano e o que nos ofrecen é irnos lonxe de onde temos a vida e a un lugar onde será máis difícil atopar un traballo; eu non quero vivir toda a vida do Estado, quero traballar e saír adiante", explicar María, cuxo marido cobra uns 225 euros ao mes cun contrato de dez horas á semana. "Sempre lle poden dar máis horas e empezar a mellorar", explica con esperanza quen reciben uns 500 euros da Risga. 

Agora, aspira a atopar un aluguer "acorde coas súas posibilidades" nestas dúas semanas que ten máis de prazo antes de ter que abandonar a súa vivenda. E farao buscando nunha cidade que é capital da provincia que lidera a media estatal de vivendas baleiras segundo os últimos datos do INE, cun 22,7% do total, 55.936 de 245.970. E nunha urbe que acumula unhas 15.000 casas sen ocupante ningún, unha cifra que mesmo o Concello eleva a máis. "A Xunta non lle ofrece nada nin llo vai ofrecer mentres non haxa un cambio de políticas que permitan a posibilidade dunha vivenda digna para os máis necesitados", insiste Stop Desafiuzamentos, que advirte que a ausencia de residencia "leva consigo na practica a imposibilidade de exercer outros dereitos e impide ás persoas afectadas realizáranse, tanto profesional como familiarmente, e en moitos casos supón a condena á exclusión e marxinación social e económica".

Ourense lidera a medida estatal de vivendas baleiras e a capital da provincia acumula unhas 15.000 sen ocupar

Pero as peticións que Stop Desafiuzamentos realizou aos Servizos Sociais do Concello de Ourense e á delegación do IGVS non deron resultado. Agora, só a oportunidade que dá o aprazamento do desaloxo permite a María e á súa familia manter a esperanza para atopar un aluguer. 

Mentres, o colectivo lembra que o presidente da Xunta asinou un convenio co Consello Xeral do Poder Xudicial e a Fegamp para a detección de casos de familias en situación de especial vulnerabilidade e que prometeu 500 vivendas en Galicia. "Pero só se entregaron 43 en dous anos", tal e como lembraron os colectivos PAH de todo o país, que recordan tamén que cada mes son desafiuzadas 200 familias na comunidade.

Stop Desafiuzamentos denuncia que a Xunta "tan só entregou 43 vivendas en dous anos" das 500 que prometera para casos de especial vulnerabilidade

Tamén advirten que o Goberno central asinou outro convenio con 36 entidade financeiras para a creación dun parque de vivenda social. "Onde están esas vivendas cando María precisa unha?", insisten tras denunciar que o Sareb (banco malo) "acumula vivenda que as entidades financeiras non conseguen vender, para que non baixen os prezos do mercado, negándollelas as persoas que as precisan a uns prezos razoables, incumprindo así as encomendas do artigo 47 da Constitución". 

"Si existen recursos económicos pero estanse a destinar para seguir a alimentar operacións inmobiliarias especulativas", di o colectivo, que "exixe" a Feijóo "que cumpra dunha vez coa promesa que fixo de proporcionar 500 vivendas de alugueiro social para rematar con situacións como a que vive María", veciña de Ourense que contactou xa hai máis dun mes con Stop Desafiuzamentos. Foi a súa alternativa para evitar quedar sen casa. 

Concentración ante a casa de María, en Ourense © Stop Desafiuzamentos Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.