Desaloxan e reocupan o caixeiro de NGB en Gondomar

Protesta en Vigo © Emilio Rodríguez Tris /plataforma afectados

Continúa a ocupación do caixeiro de Novagalicia Banco en Gondomar. Ao redor da nove da mañá a a Garda Civil foi quen de desaloxar do lugar as persoas afectadas pola estafa das subordinadas e que levan protestando nes oficina dende hai oito días. O desaloxo produciuse sen resistencia. Segundo relata o xornal Valminor.info, "un axente que se identificou co grao de capitán, presentouse ante os afectados sinalando que tiña unha orde xudicial "verbal" para proceder ao desaloxo". Porén, pouco durou esta situación. Ao redor das dez da mañá, despois de que a noticia do desaloxo correra entre os colectivos de afectados, un grupo de catro persoas volvía ocupar o caixeiro.

Ao redor das dez da mañá, despois de que a noticia do desaloxo correra entre os colectivos de afectados, un grupo de catro persoas volvía ocupar o caixeiro

Hai oito dias Francisca Alonso, de 60 anos, decidiu pecharse nesta sucursal de Novagalicia Banco en Gondomar para reclamar que a entidade que dirixe José María Castellano lle devolva os cartos "estafados" mediante débeda subordinada subscrita coa antiga Caixanova. Cando a sucursal rematou o seu horario comercial optou por continuar o peche, pero no espazo do caixeiro automático. Foi a "desesperación", relatoulle aos xornalistas que se achegaron ao lugar, a que a levou a tomar a decisión do peche, mobilización á que se foron sumando veciñanza da vila e membros das plataformas de afectados por preferentes e subordinadas. O pasado venres Novagalicia Banco denunciou xudicialmente as tres persoas que estaban ocupando o caixeiro.

O pasado venres Novagalicia Banco denunciou xudicialmente as tres persoas que estaban ocupando o caixeiro

Mentres, tamén continúa en Cangas a acampada de dous afectados pola estafa da preferentes ante unha oficina de NGB. Dende o pasado venres Antonio Graña e Sonia Pardo esixen deste xeito que a entidade lles devolva os cartos depositados nela. Este domingo a Garda Civil procedeu a identificalos, pero a protesta continúa, e nela son varias as persoas estafadas que fan quendas nas tendas de campaña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.