Desde Galicia, a pola República

Presentación do manifesto pola República Dominio Público Praza Pública

"Adhesión á República. Primeira planta". Así rezaba o cartel que indicaba o lugar do hotel coruñés onde se celebrou este xoves a rolda de prensa para presentar o Manifesto do Día da República. "Así debería poñer en moitos máis sitios que neste hotel, quitándolle dramatismo ao que é o normal ao contrario do que supón a sucesión no poder dun home por outro home tan só por ser o seu fillo", explicou o escritor e xornalista Xosé Manuel Pereiro, un dos voceiros nun acto no que diferentes persoeiros do mundo da cultura, da política ou dos movementos sociais e sindicais amosaron a súa adhesión a un documento lanzado pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM).

A Iniciativa Galega pola Memoria pide o apoio a un manifesto que pretende dar pulo a un movemento social a prol da República

Apostando pola "naturalidade" que debe supoñer reclamar un sistema "no que todos sexamos iguais e poidamos escoller a quen xestiona" a vida pública, os presentes animan a asinar un manifesto que pretende servir de pulo para que a sociedade sexa a vangarda na pelexa pola instauración da República no Estado español. "A solución ante esta grave situación non é a abdicación do rei no Príncipe de Asturias, senón deixar atrás unha monarquía caduca e avanzar na conquista da República", di o texto titulado Fronte a unha monarquía caduca, construamos un futuro republicano.

"Queremos unha República laica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática que respecte o dereito a decidir da nación galega", di o texto

"Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen as clases populares; que respecte o dereito democrático a decidir o seu futuro da nación galega", di o manifesto, para o que piden apoio a través dunha recollida de sinaturas que "non ten límite temporal". "Ata que se vaia, en todo caso", escoitouse.

"A chegada da República dependerá da vontade da cidadanía", destacou Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entidade integrada na IGM, nun acto ao que tamén asistiron, entre outros, Suso Mosquera, Suso Díaz, Xurxo Souto, Francisco Pillada Maior, Tino Fraga ou Manuel Rivas.

O debate sobre a República "está camuflado e substraído" dos partidos políticos, destaca Manuel Rivas

Foi precisamente o escritor Rivas quen destacou o feito de que "a maioría social apoie maioritariamente a partidos que defenden o sistema republicano" nas súas bases, ao tempo que hai "unha camuflaxe ou substracción" dun debate sobre a República que non dá chegado á política de partidos ou institucional. "Hai unha substracción da cuestión nos movementos políticos porque hai medo", asegurou. "O debate está fóra dos partidos", díxose tamén na conversa que se abriu entre os asistentes a un acto que pretende servir de pulo para a "apertura dun proceso constituínte, que debe iniciarse cun pronunciamento popular en referendo sobre a forma de Estado".

"Chamamos á mobilización cívica para que se realice esa consulta. Como demócratas, pensamos que a República será unha realidade cando sexa reclamada pola maioría da sociedade", reivindica o manifesto ante o que queren que sexa "un novo 14 de abril que abra unha segunda transición, que liquide definitivamente os residuos do franquismo, incrustados nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo dos cidadáns".
 

Presentación do manifesto pola República Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.