Destrúen a placa dedicada aos portugueses asasinados polo fascismo en Castrelo do Val en 1936

Este é o aspecto que presenta a placa tralo atentado © Histagra

No verán de 2012 foi inaugurada en Campobecerros (Castrelo do Val) unha placa que homenaxeaba tres carrilanos portugueses (traballadores das obras de construción da vía ferroviaria entre Ourense e Zamora) asasinados en agosto de 1936 polos fascistas. O monumento foi obxecto dun atentado hai unhas semanas, que o deixou parcialmente destruído. O grupo de investigación Histagra (USC) anuncia que a placa será restaurada e pide que "este acto non quede impune". "Que teñan por seguro aqueles que o cometeron que a memoria de todas e todos aqueles que foron perseguidos pola violencia desencadeada tralo golpe de Estado de 1936 non será esquecida xamais", engade o grupo universitario.

"Que teñan por seguro aqueles que o cometeron que a memoria de todas e todos aqueles que foron perseguidos pola violencia desencadeada tralo golpe de Estado de 1936 non será esquecida xamais", di Histagra

A homenaxe que tivo lugar hai cinco anos foi impulsada polos profesores Paula Godinho da Universidade de Lisboa e Manuel Loff da Universidade de Porto, polo proxecto Nomes e vocespola Asociación Cultural Os Carrilanos e polo propio Concello de Castrelo do Val. António Ribeiro, José Maria Sena e Ramiro (descoñécese o apelido) eran tres dos moitos portugueses empregados nas obras do ferrocarril. No momento en que se produce o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 os traballadores organizaron unha forte resistencia contra os fascistas que buscaban facerse co control do territorio, destacando Dionisio Pereira que A Mezquita foi o derradeiro lugar de Galicia en ser ocupado polo franquismo, o 31 de xullo.

Calcúlase que medio cento de traballadores do ferrocarril foron asasinados en represalia pola súa resistencia ao fascismo, e que un terzo eran portugueses. O 20 de agosto de 1936 un grupo de gardas civís e falanxistas armados detivo estes tres traballadores lusos en Campobecerros para fusilalos no lugar no que 76 anos despois foi erixido o monumento que os lembra.

En Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940), Dionisio Pereira investiga algúns dos 360 casos de vítimas da represión franquista de orixe portuguesa ata agora documentadas, 68 delas asasinadas. "Os portugueses e portuguesas foron represaliados polos franquistas non pola súa nacionalidade, senón polo seu compromiso coas loitas sociais no noso país e pola súa defensa do réxime republicano, sen distinción dos seus camaradas galegos. Por todo o devandito, concluímos que os emigrantes procedentes da outra banda da raia poden ser considerados naquela altura como galegos e galegas de orixe portuguesa", destacaba o historiador.

A placa, no seu aspecto orixinal © A. C. Os Carrilanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.