Dez anos do barco que mandaron ao "quinto pino"

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Hai hoxe dez anos o Prestige avanzaba, ferido e deitando toneladas de fuel, mar adentro. Ás oito da mañá do 19 de novembro de 2002 o buque fendeu, afundindo horas despois. O día seguinte Arsenio Fernández de Mesa declaraba que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín".

Foron moitas as declaracións dos representantes políticos que pasaron á historia, ben polo seu carácter pouco axeitado para ser pronunciadas por un cargo público ou ben por ocultar información e conter falsidades despois demostradas. Dende que xa o 14 de novembro López Veiga decretara que "Hay que sacar ese barco de ahí de una puta vez", o que se fixo sen ter en conta a opinión dos expertos nin tan sequera solicitar informes técnicos. Ese mesmo día Arsenio Fernández de Mesa comezaba a minimizar o alcance do desastre: "Sale muy poquito combustible, un reguerito de fuel que se apaga y vuelve a salir en forma de bola, un manchón...". Ou a famosa conversa entre o ministerio de Fomento e a Subdelegación do Goberno en Galicia: "Como siga así, este llega a Groenlandia" "Bueno, pues que llegue allá".

O 16 de novembro o barco leva dous días sendo paseado de norte a sur da costa galega, estendendo a mancha de fuel. Aínda que o remolcador Ría de Vigo advirte de que "esto se parte en cualquier momento", Fernández de Mesa insiste en que "el problema ha entrado en vías de solución" e López Veiga atrévese a afirmar que "estuvo a punto de provocarse un nuevo Erika, pero se ha evitado". Arias Cañete, ministro de Agricultura e Pesca, declara que "La rápida actuación de las autoridades españolas ha evitado una verdadera catástrofe pesquera y ecológica".

O 17 de novembro de novo López Veiga tenta convencer a todo o mundo de que "no se trata de una marea negra, sólo de un vertido de fuel". É neste día cando Federico Trillo e Paco Vázquez suxiren que avións do exército bombardeen o barco. O 18 de novembro a Xunta tranquiliza a todos os futuros afectados pola catástrofe que levaban dias negando. López Veiga declara que "Aquí ninguén quedará sen o turrón" e anuncia que "La Xunta va a dar a las 4.000 familias afectadas el turrón y si luego puede venir el mazapán por parte del Gobierno central y de la UE, mejor".

O 19 de novembro consúmase o desastre. Ás oito da mañá o petroleiro fende pola metade e as dúas partes afunden completamente ao cabo dunhas horas: a popa faino sobre as 11.45 horas da mañá e a proa ás 16.18 horas. En 5 días percorreu 243 millas (437 km) fronte as costas galegas e nese momento, o barco estaba a 130 millas da costa de Fisterra, á altura das Illas Cíes, e a marea negra xa afectaba 300 km de costa. Pero Arsenio Fernández de Mesa  calculaba "a ojo de buen cubero" que o Prestige vertera 3.000 ou 4.000 toneladas e tranquilizaba a todos porque "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín".

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis
Marea negra do Prestige © Greenpeace
Unha voluntaria entre rochas con chapapote © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.