Día do Orgullo: Entre a institucionalización, a festa e a protesta

A fachada do Concello de Pontevedra luciu durante varios días as cores do arco da vella © Concello de Pontevedra

O 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo LGTB, que coma todos os anos lembrará os disturbios de Stonewall de 1969, que marcan o inicio do movemento de liberación homosexual. Na maior parte das cidades galegas organízanse entre o venres e o domingo actividades, dende conferencias e exposicións, até concertos e festas, pasando nalgúns lugares por manifestacións e concentracións reivindicativas. Nalgúns lugares estes actos xa se iniciaron a pasada semana, de xeito especial en Pontevedra, que concentrou as celebracións da súa Boavila Pride entre os días 19 e 22 de xuño.

O Día do Orgullo foi evolucionando co paso do tempo. A medio camiño sempre entre a festa e a reivindicación, a consecución dunha parte das demandas do colectivo, comezando pola posibilidade de contraer matrimonio, foi limando pouco a pouco o carácter de protesta desta celebración. Ao mesmo tempo, o Orgullo foi normalizándose e institucionalizándose, comezando os concellos, mesmo os gobernados pola dereita, a colaborar na súa organización. Esta institucionalización xerou conflitos nalgunhas cidades, nomeadamente A Coruña, onde algúns dos colectivos máis asentados e que levaban anos realizando actividades por volta do 28 de xuño, acusaron o Goberno municipal de "secuestrar" un día de activismo.

Neste 2014 repítese a dicotomía institucionalización-protesta, que acompaña a xa tradicional festa-reivindicación. Haberá actividades nas sete cidades galegas, agás Ferrol. En Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense os actos principais contan co apoio dos respectivos concellos, o que non sucede en Santiago de Compostela. Na Coruña, pola súa banda, hai tres convocatorias: a do Concello, a promovida por Maribolheras Precarias, e a que impulsan catro dos principais colectivos da cidade -ALAS, Andamio de Enfrente, 7 Cores e CASCO-.

 

A Coruña

O sábado haberá manifestacións na Coruña e Vigo, mentres que Compostela acollerá unha concentración o venres

Na Coruña será o primeiro ano despois de moito tempo no que ningún dos colectivos LGTB da cidade colaboren co Concello para a celebración do Orgullo. No entanto, o Goberno municipal si organiza os seus propios actos, o mesmo 28 de xuño a partir das 22.15 nos xardíns de Méndez Núñez, onde actuarán DJ Licho, DJ Flashback, Rabel Winchester, Las Grecas e Vinila Bon Bismark.

En resposta á convocatoria do Concello, ALAS, Andamio de Enfrente, 7 Cores e CASCO salientan que “resulta esencial que exista un contido reivindicativo e educativo á marxe dalgunhas campañas institucionais que unicamente quedan nun ton festivo e dirixido a un colectivo moi estereotipado”. Estas catro entidades veñen organizando dende este martes o evento Orgullosísim@s 2014, en colaboración con varios locais de hostalaría de Beiramar e da Praza de España, que inclúen numerosas actividades: maratón de series de temática LGTB, charlas, speed dating, actuacións musicais e performances reivindicativas. As actividades rematarán o sábado cunha manifestación, ás 20.30 no Obelisco, baixo o lema (común en toda España) de "Manifestámonos por quen non poden", con demandas centradas no "loita contra o retroceso en dereitos afectivo-sexuais, manifestados por vía de violencia física, simbólica e mesmo institucional”. Este venres, ademais, o coordinador LGTB de 7Cores do PSdeG, Fito Ferreiro, a secretaria de igualdade das Xuvetudes Socialistas, Laura Requejo, e o secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, participarán no bosque das mulleres do parque de San Diego da Coruña nunha homenaxe a Marcela e Elisa, primeiro matrimonio de dúas mulleres en España.

Ademais, Maribolheras Precarias organizan ao longo de todo o sábado unha Romaria transmaribolhera anti PoPULAR. A partir das 14 horas no Campo da Leña (ou Praza de España) haberá sesión vermú, performances, djs, concurso de tortillas, comunión con Gallardón e micro aberto. Os cartos que se recaden destinaranse á Plataforma polo Aborto Libre e Gratuito, á Plataforma de apoio a Pepita e a Stop Desafiuzamentos.

 

Vigo

En Vigo os actos do Día do Orgullo comezaron este luns co izado da bandeira arco da vella na fachada do Concello. Neste caso, nas actividades organizadas pola Asociación Nós Mesmas si colabora activamente o Concello, aínda que boa parte dos gastos foron financiados a través dunha campaña de crowfunding realizada nos últimos meses. Ao longo de toda esta semana houbo charlas, obradoiros, unha exposición fotográfica na Praza da Princesa, presentación de libros, proxección de curtametraxes, contacontos e unha mesa de debate sobre os “Dereitos sexuais e reprodutivos no colectivo LGTB”. 

Os actos, que contan tamén co apoio expreso da Marcha Mundial das Mulleres, terán o seu centro e remate na manifestación “Polos Dereitos Humanos LGTB”que percorrerá as rúas de Vigo o sábado, con saída do cruce de Colón con Urzaiz ás 20 horas. No seu remate, Beatriz Suárez Briones lerá o pregón do Día do Orgullo, dando paso a unha festa na Praza da Pedra, con actuacións de La Prohibida e o Dj Pablo Senra. Finalmente, o domingo ás 13 horas celebrarase un encontro-xantar de mulleres en Alcabre.

 

Outras cidades

Pontevedra concentrou os actos do Orgullo no Boavila Pride, celebrado entre os días 19 e 22 de xuño, unha semana na que a fachada do Concello se vestiu coas cores do arco da vella

Pontevedra concentrou os actos do Orgullo no Boavila Pride, celebrado entre os días 19 e 22 de xuño, unha semana na que a fachada do Concello se vestiu coas cores do arco da vella. As actividades contaron coa colaboración do Goberno municipal e tamén de numerosos locais de hostalería no centro da urbe. Houbo cabaré, teatro, concertos e mesmo un cruceiro pola ría e unha romaría urbana no Campo de Santa Marta.

En Compostela o Concello non organiza ningún tipo de actividade polo Día do Orgullo. Neste caso os actos, organizados por un grupo de activistas, serán o venres, cunha concentración ás 20.30 na praza de Cervantes, que centrará as súas demandas na reivindicación da igualdade de dereitos. Previamente a libraría Lila de Lilith acollerá unha charla-coloquio. Así mesmo, ALEAS EU Compostela anuncia que levará ao pleno municipal unha moción para que o Concello realice unha campaña de denuncia contra a homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia e coloque a bandeira LGTBI na fachada da súa sede, entre outras demandas.

En Ourense, a concellería de Igualdade, en colaboración coa asociación sociocultural Xaira e o cineclube Padre Feijoo, organizan a terceira edición de Miradas con Orgullo, que inclúe a celebración dun obradoiro titulado "Transgredindo. Construír e nomear o subxectivo: identidades e sexualidade" e a proxección dun filme

Finalmente, en Lugo, a Praza de San Marcos acollerá este domingo ás 18 horas os actos organizados polo colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais ALAS, en colaboración coa Deputación e o Concello. Despois da lectura dun manifesto reivindicativo, haberá varios concertos: Leblond, Lara Sajén, e as lucenses Las Supremas, encargadas de presentar o evento. 

Exposición organizada na Praza da Princesa en Vigo © Asociación Nós Mesmas
A fachada do Concello de Pontevedra luciu durante varios días as cores do arco da vella © Concello de Pontevedra
Cartaz dalgúns dos actos organizados na Coruña © Maribolheras Precarias
Izado da bandeira no Concello de Vigo © Asociación Nós Mesmas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.