Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.780 denuncias por violencia de xénero, un 28,1% máis que no mesmo período do ano anterior (1.315). É o sexto trimestre de ascenso consecutivo, segundo os datos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CGPJ. O número de denuncias vén incrementándose de forma sostida dende o ano 2012, pero o aumento rexistrado nesta ocasión é, con diferenza, o maior nos últimos anos, ata acadar o nivel actual, practicamente 600 por mes, case 20 por día.
Galicia segue tendo unha taxa de violencia de xénero (denuncias por cada 10.000 mulleres) moi por debaixo da media estatal, con 11,71 persoas fronte a 17,04. Con todo, nesta taxa máis reducida inflúe moito o feito de que en Galicia hai unha maior proporción de mulleres de máis de 65 anos, un grupo de idade cunha menor proporción de denuncias.
Os datos dos dous primeiros trimestres indican que o 2017 podería ser o ano con máis denuncias na última década. En 2009 rexistráronse 6.067, unha cifra que descendeu claramente nos peores anos da crise económica (4.788 en 2012). A medida que a situación económica ía mellorando, tamén foron crecendo de novo as denuncias por violencia machista, que medraron de forma ininterrompida nos últimos catro anos, ata as 5.683 do 2016. De manterse a tendencia actual, o número superará claramente as seis mil este ano.
No segundo trimestre un total de 199 denuncias por violencia de xénero remataron nun xuízo, dos que tres de cada catro resultaron cunha sentenza condenatoria. A maior parte das denuncias foron sobresidas (un total de 749, case a metade dos casos). Outras 315 foron elevadas a outro órgano competente. A maior parte das denuncias son presentadas pola propia vítima (1.315), aínda que hai un bo número de casos de denuncias presentadas por familiares (157) ou, directamente, pola policía tras unha intervención (108).
Durante o segundo trimestre do ano incrementouse tamén nun 53% o número de ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas incoadas: 477, fronte ás 311 do mesmo período do 2016. O número de ordes de protección aceptadas polos tribunais foi de 309 (fronte ás 182 pasado ano). A cantidade ordes de protección solicitadas sitúase no seu nivel máximo nos últimos anos. Pola contra, a cifra de ordes aceptadas descende significativamente dende o primeiro trimestre.