"Do 'Ghalegho' ao 'Eu digo...'", dende Ribadeo

Captura do vídeo realizado polo alumnado do IES de Ribadeo © IES de Ribadeo

"Lembro unha excursión, no colexio, cando era pequena, que uns de Ribadeo se riran de min e das miñas colegas por como falábamos...". No vídeo Ghalegho, realizado por Noelia Gómez, unha estudante de xornalismo rianxeira, rapaces e rapazas de Dodro e Rianxo facían unha defensa das variantes dialectais do galego, comezando polas que a eles e elas lles eran propias: a gheada e o seseo, e que nalgunha ocasión lles xeraran algún problema. Un deles era o comentado por unha das rapazas, que comentaba unha mala experiencia, sendo nena, en Ribadeo".

Dende o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo "non quixemos deixar pasar por alto esta alusión", din, e decidiron elaborar un vídeo, co mesmo formato e obxectivos que o orixinal, titulado desta volta "Eu digo...". En Eu Digo... rapazas e rapaces da vila mariñá fan unha defensa das súas propias variantes: "eu digo camiois e pantalois", "e ladrois e cabrois", "eu digo camín e padrín". Ademais, lembran que en Ribadeo dan "chuchos" e fan a matanza "do cocho", e "dicimos pícaros, brosa e sapagueira, que é unha palabra ben bonita para un bicho ben feo"

Ademais, as participantes no vídeo respóndenlle á rapaza que sufrira burla que "non sei quen se burlaría do seseo e da gheada, algún inculto haiche en todos lados. Pero dende logo que nosoutros non o fariamos, porque defendemos as variantes de cada lugar". Suso Fernández Acevedo, coordinador do traballo, salienta que Eu Digo non quere ser tanto unha "resposta" a Ghalegho coma "unha reacción solidaria e cómplice".

O vídeo, que supera xa as sete mil reproducións, un número que crece rapidamente (lonxe aínda das 130 mil que acumula Ghalegho), péchase destacando que "nosoutros falamos así e seguro que en Vila de Cruces ou Moaña din doutro xeito, pero todo é galego. A nosoutros gústanos o galego con todas as variantes. Estamos orgullosos do galego".

Captura do vídeo realizado polo alumnado do IES de Ribadeo © IES de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.