En 1864 España e Portugal presentaron e asinaron o Tratado de Lindes que acabou coa institución do Couto Mixto, un territorio constituído por tres aldeas (Santiago e Rubiás -hoxe en Calvos de Randín- e Meaus -hoxe pertencente ao Concello de Baltar-) que ata ese momento non formaba parte de ningún dos dous Estados. Ademais de certos privilexios (liberdade de cultivos e de comercio, exención de impostos e de incorporación ao exército) a súa poboación -ao redor de 800 persoas- podía elixir a nacionalidade portuguesa ou española. O Tratado estableceu que as tres aldeas do Couto Mixto pasaban a formar parte do territorio español a todos os efectos, a cambio de que os chamados Pobos promiscuos (tres aldeas na raia seca: Soutelinho da Raia, Lamadarcos e Cambedo) se incorporasen definitivamente a Portugal.
O Tratado deulles aos habitantes destes territorios un prazo dun ano para decidir se querían ser españois ou portugueses, fixando así a súa nacionalidade de forma definitiva. Agora a Asociación de Amigos do Couto Mixto -entidade que dende hai anos traballa na recuperación da memoria histórica destes lugares e da súa institución- vén de anunciar que lles solicitará oficialmente aos gobernos de España e de Portugal portugués que concedan a dobre nacionalidade aos habitantes do Couto Mixto e das aldeas de Cambedo, Soutelinho e Lama de Arcos. A entidade destaca que dende o 1 de xaneiro de 2015 os e as habitantes de Olivenza (Estremadura) gozan da dobre nacionalidade española e portuguesa, despois de que a asociación Além Guadiana solicitase ese privilexio, atendendo ao feito de que a vila pertencera a Portugal ata o ano 1801 (Guerra das Laranxas). A medida afectaría aos ao redor de 200 habitantes do Couto Mixto e aos algo máis de 500 das tres aldeas hoxe portuguesas.
Lembran que os habitantes de Olivenza (Estremadura) xa poden optar á dobre nacionalidade
A Asociación de Amigos do Couto Mixto acordou igualmente solicitar da Xunta de Galicia a declaración como Ben de Interese Cultural do espazo que no seu día foi a entidade territorial Couto Mixto, en virtude da Lei do Patrimonio Cultural, que define o territorio que pode ser obxectos de protección como “aquela paraxe natural vinculada a acontecementos ou recordos do pasado”. Así mesmo, pedirán que os plenos municipais de Calvos de Randín e Baltar aproben senllas mocións para apoiar esta declaración de territorio histórico.
De igual xeito, aprobouse o nomeamento de tres novos xuíces honorarios da entidade: o dúo musical 2nafronteira, a Asociación Galego-Portuguesa de profesores pola paz e a Eurocidade Tui-Valença, "polo que supón de exemplo para os demais concellos arraianos compartir servizos que afortalan a creación dun espazo territorial común coas mesmas necesidade e solucións". Recibirán o seu recoñecemento nun acto que se celebrará o vindeiro 2 de xullo na igrexa de Santiago de Rubiás.