Dodro cobra 80 euros por facer denuncias urbanísticas, gratuítas no resto do país

Casa do Concello de Dodro CC-BY Xornal Certo

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é un instrumento organizativo -dependente da Consellaría de Medio Ambiente e Territorio,- para mellorar a calidade da ordenación urbanística ao que están adheridos ao redor de 60 concellos de toda Galicia. A través da APLU os e as cidadás poden presentar denuncias por obras que non conten con licenza municipal ou con licenzas que se consideren ilegais. A Axencia mesmo pon a disposición de quen o necesite o fomulario para a presentación destas denuncias, que son gratuítas.

Porén, non é así en Dodro. Neste concello lindeiro entre as provincias da Coruña e Pontevedra cóbrase unha taxa aos veciños e veciñas que queiran realizar unha denuncia urbanística ante a APLU, un pagamento de 81,50 euros no caso de obras maiores, e de 46,20 no resto de actuacións (peches de terreos, por exemplo), tal e como consta no Boletín Oficial da Provincia do 3 de febreiro de 2015. O grupo municipal de Unidade Veciñal de Dodro -que nas eleccións do pasado ano obtivo tres edís neste concello gobernado polo PP con maioría absoluta- así o advirte, salientando que unha vez que a denuncia é presentada (e pagada a taxa) ante a administración local, esta limítase a elevala ante a Axencia, un trámite que é gratuíto en practicamente todo o país.

En opinión de Xoán Xosé Vicente isto podería ser "unha maneira de disuadir a xente de que faga denuncias, para non ter lío”

En opinión de Xoán Xosé Vicente (concelleiro de Unidade Veciñal de Dodro), isto podería ser "unha maneira de disuadir a xente de que faga denuncias, para non ter lío”. O grupo presentará unha moción no pleno para suprimir esta taxa. Xoán Xosé Vicente denuncia que, ademais do cobro da taxa, a varias denuncias "aínda por riba nin sequera lle deron resposta".

Para presentar as denuncias, abonda con incorporar ao modelo de denuncia da APLU unha copia do DNI e fotografías das obras denunciadas ou calquera outro medio de proba dispoñible. Segundo o Plan de inspección urbanística, serán tramitadas con prioridade as denuncias por infracción urbanística ou por infracción da Lei de costas consistentes en obras de construcción de edificacións en curso de execución en terreos clasificados como solo rústico, sen a preceptiva autorización autonómica; obras de construcción de edificacións en curso de execución na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre sen a preceptiva autorización autonómica; e as obras de construcción de edificacións en curso de execución sen a preceptiva licenza urbanística municipal.

Casa do Concello de Dodro CC-BY Xornal Certo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.